Sara Rodríguez, do Bierzo: «Miña nai sempre me dixo que o galego era unha oportunidade que abría portas de futuro»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

CULTURA

Sara Rodríguez co dicionario de galego do Bierzo
Sara Rodríguez co dicionario de galego do Bierzo CEDIDA

A investigadora da Universidade de Vigo publica o «Dicionario do Galego do Bierzo», onde se recollen 15.000 termos do noso idioma na comarca leonesa

11 dic 2023 . Actualizado a las 21:30 h.

As linguas non saben de fronteiras administrativas, xeográficas e políticas. E un exemplo o amosa Sara Rodríguez Fernández, nada en Carracedelo, o Bierzo, e titulada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Acaba de publicar un libro singular: Dicionario galego do Bierzo, editado pola Universidade de Vigo, e onde recolle 15.000 palabras galegas e propias do galego das terras fronteirizas coa montaña de Lugo e Valdeorras.

Sara Rodríguez, que traballa en La Casa del Libro, presenta o dicionario de termos en galego do Bierzo este sábado 16 ás 12.00 horas no Museo da Radio de Ponferrada, coa presenza do profesor vigués Henrique Costas, o académico Héctor Silveiro, e co apoio do editor Paco Macías, de Edicións Positivas. «Todos eles son xente marabillosa, que me axudaron en todo o proceso», sinala a autora.

—Como xurde a idea de facer este dicionario?

—Na carreira asistín a unha conferencia de Carlos Xesús Varela, quen fixo, tras 15 anos de estudo, o Dicionario Galego de Asturias, e entón pensei que se podía facer o mesmo co galego do Bierzo. Entrei nunha liña de investigación que me permitiu iniciar o traballo e tiven o apoio do catedrático e profesor Xosé-Henrique Costas, quen me animou a dar o paso de facer un simple glosario a un dicionario. Eu partía dunhas 3.000 palabras do traballo de fin de grao, pero chegamos a 15.000 entradas.

—De onde sacou tanto léxico?

—Eu non son filóloga, teño coñecementos de Tradución, pero busquei en numerosa bibliografía. Tamén recollín as palabras propias do Bierzo, que ás veces eran difíciles de descifrar a súa orixe, se era galega, do asturleonés ou castelán. Fixen traballo de campo, falando coa xente...

—Na súa familia falouse o galego?

—Eu aos meus avós sempre lles escoitei falar en galego e á miña nai sempre lle oía algunha palabra que só ela dicía, e logo cando estaba coas amigas, dicíanme: «De onde sacaches esa palabra?». O curioso é que meus avós paternos, sendo de Vigo e Ourense, non falaban galego, e meus avós maternos, do Bierzo, si. Miña nai sempre me dixo unha frase: «O galego é unha oportunidade para abrir as portas do futuro», e tiña toda a razón, porque aquí no Bierzo o galego non se ve como un idioma de futuro laboral, en cambio si o inglés e o francés.

—E onde aprendeu vostede o galego?

—Tiña galego en Primaria, en Carracedelo, na materia de Ciencias Sociais, e logo na ESO e no Bacharelato, en Cacabelos, podía estudar Lingua e Cultura Galega. No primeiro ano puiden ir, e iso que non tiña bus e me tiña que recoller miña nai. En segundo curso xa non puiden ir.

—Como foi o de estudar Tradución en Vigo?

—Sempre me gustaron as linguas e coñecer outras culturas. Todo o mundo me dicía que fose a Salamanca, pero ao final fun á Vigo e foi o mellor que me puido pasar na vida, porque ademais de formarme, coñecín a persoas que igual ca min viñan da aldea e aprendín a falar o galego.

—Volvendo ao dicionario, é de galego ou unha mestura de idiomas?

—É de palabras en galego, pero recóllense outras, coa súa explicación, que se empregan no Bierzo e que son castelanismos ou de influencia do leonés. Ao final demóstrase que o que se fala no Bierzo non é un dialecto, senón un idioma, o galego, porque a xente debe de saber que o único galego que existe non é o da Academia. Quen fai un idioma é a xente que o fala.

—Supoño que sacaría palabras da súa contorna familiar?

—Si, fun apuntando nun caderno todas esas palabras propias, como por exemplo «me repolizo», que di miña nai cando se refire a coller frío no corpo. Ou a perdiz, ademais de paspallás, aquí dicimos «saltagrá». Ou meu pai, que para o uso do motocultor emprega «rotobato».