Gloria mundi

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

Concha Velasco.
Concha Velasco. Europa Press Reportajes

18 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un patrucio moi sabio que eu coñecín razoábame unha vez: Agora que vou cáncamo e non me podo valer, é cando máis me miman. Xa me podían ter traído os bistés que papo agora cando estaba san! En punto á estima, semella, de certo, que non hai maior mérito que palmar. Tamén é boa festa! Para min que esta necrofilia vital ten raíces moi profundas. O Home de Vitruvio de Leonardo, un dos máis sublimes símbolos da humanidade, encarna o home do Renacemento, vivo, vital e fincado no presente, como centro do universo, fronte aos ideais da Idade Media, directamente herdados da Antigüidade, nos que a existencia, un agasallo dos deuses, era apenas a transición para perpetuarse na eternidade: o heroe antigo e o cabaleiro medieval buscaban deixar o seu nome inscrito nos muros da historia, conscientes da efemeridade da vida (e da ruda competencia que existía no sector): Tutmosis, Aquiles, Alexandre, Roland ou Rui Díaz de Vivar gañaron así os loureiros da perenne fama.

Máis modernamente, e talvez sen tanta pompa, a mitoloxía contemporánea segue nutríndose, con gran produtividade, dos mortos. Que tería sido de James Dean, Marilyn Monroe ou Diana Spencer se a sinistra gadaña, en forma de barbitúricos ou coches a escape, non tivera segado as súas vidas no mellor momento? Unha pregunta sen resposta. Pero o herdo é indiscutible: a morte converteunos, como aos heroes clásicos, en mitos, íncolas per saecula saeculorum do Olimpo dos inmortais.

A conversión dun ser humano en mito por vía da morte conduce, sempre e inevitablemente, á revisión da súa vida e, o que é máis curioso, á reacomodación da súa vida aos criterios da actualidade. Eu lembro que, nos setenta, Lola Flores representaba para a esquerda deste país o máis rancio e folclórico dun réxime que agonizaba entre tablaos, coplas e faralaes. Cando Concha Velasco, coa súa chica yeyé, adaptou (con certo patetismo, todo hai que dicilo) a brillante cultura pop anglosaxona á mugre ibérica, a Brigada Político Social e o tenebroso TOP vivían momentos de gloria. Era un país en branco e negro no que, con vivas a España, Manolo Escobar pedía ás mulleres (con la cara lavada y recién peiná), non poñeren a minifalda nas touradas. Pero, en fin, a morte inevitable constrúe mitos aos que, pobres mortais á espera da Parca, debemos eterno recoñecemento. Non serei eu quen llo negue, conste.