A película ruandesa «The Bride» imponse no festival Novos Cinemas

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma do filme ruandés «The bride», dirixido por Myriam U. Birara.
Fotograma do filme ruandés «The bride», dirixido por Myriam U. Birara.

«An Evening Song (for three voices)» faise cos premios do público e da crítica do certame pontevedrés

18 dic 2023 . Actualizado a las 16:59 h.

A pintora, realizadora, guionista e produtora ruandesa Myriam U. Birara (Masisi, Zaire [hoxe República Democrática do Congo], 1992) é a gran triunfadora desta oitava edición do festival pontevedrés Novos Cinemas. A súa película The Bride [A noiva], coa que debuta na longametraxe, impúxose como mellor filme da sección oficial, na que ademais se alzou co premio Xurado Novo á mellor dirección. Así o desvelou este domingo a organización, que deu a coñecer un palmarés no que sobresae outra cinta, An Evening Song (for three voices), obra do director e produtor Graham Swon (Oxnard, California, 1987), que logrou dous notables recoñecementos: o galardón do público e o da crítica. Este último —decidido por Gerard Casau, Jesús Silva e Daniela Urzola— eloxia «a súa singular mirada á tradición do gótico americano a través dunha linguaxe fílmica onde palabra e imaxe se conxugan en equilibrio e por seguir abrindo camiños inusitados no verdadeiro cine independente estadounidense que vindica o valor artesanal».

Integrado por Gloria Benito, Silvia Cruz e Helena Wittman, o xurado da sección oficial tamén concedeu mencións especiais a Peter Pan, de Natacha Samuel e Florent Klockenbring —que converte un conto para nenos nun drama social moderno—, «por elixir non medrar e poder amar a todos», e a There Is a Stone, de Tatsunari Ota, «por conseguir contar un encontro improbable a través de espazos intermedios e momentos de silencio».

O xurado internacional enxalzou a capacidade de The Bride «para transformar unha situación violenta nun emotivo testemuño de amor e solidariedade, empregando unha narrativa aparentemente sinxela que enriquece a historia con destreza e harmonía». Myriam U. Birara aborda o drama social dos matrimonios forzados que aínda sofren moitas mulleres en Ruanda. O premio Xurado Novo á mellor dirección —outorgado por Daniel Filloy, Rebeca Tella, Miguel López, Ash Diz e Laura Somoza— recoñece tamén en The Bride «a evidencia dunha mirada no seu retrato sensible e natural dunha realidade complexa, unha posta en forma impecable e un gran traballo co reparto».

O xurado da sección Latexos —conformado por Ana Matilde Uslenghi, Xan Viñas e Sergio Casteleiro— distinguiu a Zimmerwald, filme de Valeria Stucki (Suíza, 1983), «pola súa aproximación á historia e a súa vinculación co espazo público e como é pensado dende a contemporaneidade, ofrecendo unha perspectiva que cativa».