Informe «Rosalía de Castro»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

César Cunqueiro.
César Cunqueiro.

29 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Recibo o número 5 do Boletín Literario Mindoniense (outubro, 2023), que edita e escribe, na súa totalidade, César Cunqueiro. Estamos, pois ante unha revista literaria unipersoal, e non é esta a máis orixinal das súas características; éo o radical sentido crítico con que César se debruza sobre os textos literarios das Letras Galegas do século XIX e do XX. A presente entrega consta de 142 folios mecanoscritos con seis partes de contido moi distinto: desde poemas do autor a noticias do «Universo Álvaro Cunqueiro»; desde a exhumación de textos mindonienses (por exemplo, un curioso poema de Elvira, súa nai) a citas literarias antigas e modernas ou reflexións sobre linguaxe e sexo. Hai máis temas.

No brevísimo espazo de que dispoño non podo asomarme ao material poético de varias páxinas con poemas do autor ou traducións de textos de linguas case exóticas (turco, lituano...). Non sei de ninguén, en Galicia, que coñeza os rudimentos básicos de tantos idiomas; en canto á súa poesía, non só se trata dun poeta poeta (sic) senón da voz poética, en Galicia, de entidade máis orixinal.

Pero o que debo salientar hoxe é a segunda parte do volume, titulada Días de Bibliópolis. É nesta parte onde acolle El informe Rosalía, no que a pluma crítica, moi crítica, do autor reflexiona sobre Cantares gallegos, Follas novas e En las orillas del Sar. Nesas páxinas, el Protector, alter ego de César Cunqueiro, trata do proceso de mitificación a que foi sometido o nome de Rosalía, o que é certo, pero deixa caer dúbidas importantes sobre a valía poética dos tres libros examinados. Hai días, César e catro colegas (Stella Maris G. Balbuena, Gonzalo Allegue, Estro Montaña e mais eu) celebramos un simposio e manifestamos algúns desacordos. Temos a esperanza de que o simposio, con 20 ou 30 especialistas, se reedite en breve. Non merece menos o saber e a orixinalidade de tantas e tantas páxinas do Boletín, revista na que non escasean as páxinas laudatorias, unha reseñable sobre Estado intermedio de Rexina Vega, de quen afirma César que non desmerece á beira de La place, da Premio Nobel Annie Erneaux.