Manuel Rivas: «A literatura é vagabunda, é andar ao descoñecido»

lidia fernández A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Manuel e Martiño Rivas, padre e fillo, conversando este mércores nunha ateigada libraría Lume.
Manuel e Martiño Rivas, padre e fillo, conversando este mércores nunha ateigada libraría Lume. Eduardo Pérez

O escritor foi entrevistado polo seu fillo Martiño na coruñesa libraría Lume

04 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O reloxo marcou as oito en punto da tarde e non collía unha alma máis na libraría Lume, situada na céntrica rúa coruñesa Fernando Macías. ¿O motivo? A presenza de dous galegos ilustres, membros da mesma familia. O escritor Manuel Rivas e seu fillo, o actor Martiño Rivas, enchían o local coa súa presenza acaparando todas as miradas. Curiosos, medios de comunicación e lectores acérrimos ocupaban o lugar improvisado onde estaba a piques de celebrarse unha conversa que abordou, entre outros asuntos, a prolífica traxectoria profesional dentro do mundo da literatura do máis vello dos dous. O detonante deste encontro era a recente publicación de La tierra oculta (Alfaguara), unha especie de antoloxía que reúne algunha das obras máis destacadas do seu repertorio. «A literatura é vagabunda, é andar ao descoñecido», asegurou o veterano autor.

Entre andeis repletos de libros, a xente amoreábase onde podía. Sentados no chan, nas puntas dos pés, mirando a través dos ombreiros daqueles máis altos, todos os presentes afanábanse por atopar un sitio para poder escoitar —e sobre todo ver— aos protagonistas indiscutibles da xornada. «Estás nervioso? Porque eu si», recoñecía Martiño momentos antes de empezar coa particular entrevista na que intentou tocar todos os aspectos cruciais da vida do seu proxenitor antes e despois de converterse no consagrado autor que hoxe é.

A súa primeira interpelación foi para o «punto cero», ese ente tan presente na obra de Rivas. «Como se vincula ou como condiciona a paisaxe da infancia a túa obra?», inquiriu. «Pois creo que todo o imaxinario ten un principio claro de realidade, e cada quen ten o seu propio mapa», respondeu o pai facendo memoria da súa infancia e a súa xuventude na Coruña. «O cemiterio de San Amaro, a prisión provincial e o faro son a tríade que sempre me acompañou e marcou moito», profundou, intentando explicar algúns dos seus referentes espaciais e fontes de inspiración. «Eu sempre digo que o máis importante é o ambiente que un respirou —incidiu—, onde un escoitou por vez primeira a boca da literatura».

Comezos no xornalismo

Falou o autor de Os comedores de patacas dos seus inicios no mundo do xornalismo e de como chegou ao estatus de figura das letras que actualmente ocupa. «O xornalismo foi no meu caso o camiño para ser escritor», admitiu sen ambaxes Manuel Rivas, que contou anécdotas do seu tempo como meritorio. «Era o nome co que nos coñecían aos rapaces que estabamos empezando», corroborou, para lembrar un pasado que xa semella outra vida. «O meu momento de inflexión foi cando me mandaron facer o horóscopo», chanceou.

Porén, o particular condutor do encontro, no papel de orgulloso fillo, non quixo pasar por alto un dos fitos na carreira periodística de seu pai. «Teño aquí anotado que o primeiro artigo que escribiches para un medio nacional foi en maio do 83... Como recordas ese fito?», preguntou. «Pois como un momento transcendental. Aínda que creo que todos os meus artigos tiñan algo de literario», replicou. E tanto que o tiñan. Neste camiño, e segundo o propio Rivas, un profesor advertiuno de que a reportaxe que presentara pecaba de exceso de literatura. «Eu saín contentísimo. O que quería era precisamente que fose literario», evocou cun brillo particular na mirada ao volver sobre o seu paso pola universidade.

Se algo se impuxo no ton desta charla foi a familiaridade e a proximidade dos dous protagonistas co público alí congregado. Manuel Rivas leu pasaxes dalgunhas das súas obras favoritas, fragmentos que ilustran á perfección sentimentos que quixo traer á sala. A lembranza da súa nai e as amigas desta; os ecos dun fillo que agora é un adulto feito e dereito. Pero aínda quedaba a guinda do pastel, que foi a interpretación que Martiño fixo dun dos capítulos de En salvaxe compaña. Todos en silencio, expectantes, mentres o actor se metía na pel da personaxe.

«Esta experiencia foi única. Reandei os camiños transitados», concluíu Manuel Rivas, enfatizando a súa propia evolución desde a súa etapa de estudante no IES de Monelos cando tan só soñaba con contar historias, ata converterse no afamado autor —unha das principais plumas do país— que cultivou todo tipo de xéneros literarios ao longo de máis de tres decenios en activo.