Cen anos de «Ronsel»

CULTURA

Evaristo Correa Calderón, Luís Pimentel, Álvaro Cebreiro, Jesús Bal y Gay e Domingo Carballo, a cerna da revista «Ronsel».
Evaristo Correa Calderón, Luís Pimentel, Álvaro Cebreiro, Jesús Bal y Gay e Domingo Carballo, a cerna da revista «Ronsel». Archivo Juan Cancela

14 ene 2024 . Actualizado a las 16:46 h.

Lugo, en 1924, emitiu un xesto cultural dos máis ricos e valiosos, ademais de plural, do mapa literario e artístico da España daquela década: a revista Ronsel. Só se publicaron seis números, moi pulcros e coidados, de maio a novembro, dabondo para decatármonos da súa importancia e novidade, nomeadamente en Galicia. O capitán da empresa (e, sen dúbida, o ideador) foi o escritor lugués Evaristo Correa Calderón (1899-1986), despois de 1940, catedrático de Literatura e unha autoridade recoñecida en Baltasar Gracián. Exerceu como director artístico Álvaro Cebreiro (1903-1956), quen contou coa entusiasta colaboración de Ángel Johan (Ángel González López, 1901-1965), tamén lugués. Anos máis tarde, despois dos cárceres franquistas, sería un excelente sonetista en galego.

Aínda que en pequena medida, Ronsel foi unha revista plurilingüe (castelán, galego, portugués, catalán, francés), na que tamén participaron artistas foráneos (Alberto, Norah Borges...). Nas súas páxinas danse cita nomes da modernidade galega e española (Manuel Antonio, Ramón Gómez de la Serna) á beira de voces do noso país de perfil tradicional (R. Cabanillas, Victoriano Taibo...).

Que se saiba, o primeiro estudo sobre Ronsel data de 1974, ano do cincuentenario. Trátase dun amplo traballo escolar de Álvaro Valera Suanzes-Carpegna, daquela estudante de COU no Instituto de Lugo, onde era alumno meu. Teño noticias de que está a reelaborar aquel traballo inédito para publicalo, co gallo do centenario da revista, nun coñecido boletín académico. En 1974, eu publiquei un artigo conmemorativo na revista Triunfo (Madrid, 17 de maio), no que salientaba o feito de que Ronsel aparecese, en plena ditadura de Primo de Rivera, nun momento en que a gloriosa revista Nós deixara de saír (1923-1925).

Teño a esperanza de que as institucións luguesas promovan, neste ano, actividades arredor desta importantísima experiencia artístico-literaria e sobre nomes que, dalgún xeito, se estrearon nas súas páxinas, entre eles, o poeta Luís Pimentel, que engaiolou a Dámaso Alonso, e o músico e musicólogo Jesús Bal y Gay, sabio no cancioneiro popular.