Atocha, 55, 3.º esquerda

CULTURA

Detalle da capela ardente das vítimas mortais da matanza de Atocha.
Detalle da capela ardente das vítimas mortais da matanza de Atocha.

27 ene 2024 . Actualizado a las 17:19 h.

Atocha, 55, 3.º esquerda. Este enderezo, nunha rúa moi coñecida de Madrid, foi o escenario dun dos crimes políticos máis inicuos e escandalosos da historia de España: a matanza de Atocha. Aconteceu na noite do 24 de xaneiro de 1977, xa morto Franco, pero aínda non legalizados os partidos políticos polo Goberno de Adolfo Suárez. Era un momento de moita preocupación para as forzas da ultradereita, moi conscientes de que perigaban algúns dos privilexios dos seus amos políticos e económicos. Para estes patriotas, o despacho de avogados laboralistas da rúa Atocha era un niño de comunistas aos que había que eliminar.

Tal día (fixo antonte 47 anos), dous pistoleiros ultras, José Fernández Cerrá e Carlos García Juliá, asasinaron, en segundos, a cinco letrados, e feriron moi gravemente a catro: Luis Javier Benavides Orgaz, Serafín Holgado de Antonio, Ángel Rodríguez Leal, Javier Sauquillo e Enrique Valdevira Ibáñez; Dolores González Ruiz, Luis Ramos Pardo, Alejandro Ruiz Huerta e Miguel Sarabia Gil. Sobre este arrepiante episodio, ata onde sei, non existe un libro tan completo e documentado coma o que acaba de publicar Carlos Portomeñe (Lugo, 1968), rigoroso e teimudo investigador durante anos: La matanza de Atocha y otros crímenes de Estado (Atrapasueños, 2023).

O autor explica o complexo tecido político daqueles días e ofrécenos datos, nomes e siglas (sobre todo, italianas) moi relevantes que tiveron relación cos executores desta proeza patriótica. Un dos capítulos esenciais é o enterro de tres dos asasinados (Madrid, 26 de xaneiro), protagonizado por duascentas mil persoas en absoluto silencio. Era a consigna do Partido. Naquel inmenso cortexo, seis mil militantes constituíron o comité de orde, e máis de 500 coroas de flores acompañaron os féretros. O rei Juan Carlos, desde un helicóptero, presenciou a grandeza, a emoción e a magnitude do suceso, e tomou boa nota. Poucos días despois era legalizado o Partido Comunista de España. Por se fose pouco, o libro de Portomeñe está escrito non só con rigor, senón cun xeito narrativo que converte a lectura nun dos esclarecedores relatos da Transición.