Lois Patiño trae á Fundación Seoane a súa reflexión sobre a luz e o onírico

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Lois Patiño, posando na mostra na Fundación Seoane.
Lois Patiño, posando na mostra na Fundación Seoane. Eduardo Pérez

«Marea» eríxese sobre dúas pezas: «Hadal», unha instalación composta por un vídeo, dúas videoinstalacións e unha instalación lumínica; e a curtametraxe experimental «El sembrador de estrellas»

25 ene 2024 . Actualizado a las 23:31 h.

É un dos referentes do novo cinema galego, e a súa obra está construída cun persoal sentido da poesía e un minucioso manexo da luz. Beleza e misterio. Arte. A Lois Patiño (Vigo, 1983) esa mirada vénlle de familia, herdanza dos seus pais, os pintores Menchu Lamas e Antón Patiño. Dende este xoves, esa mirada está plasmada na Fundación Luis Seoane, que acolle a exposición Lois Patiño. Marea, un proxecto comisariado por Alberto Carton e que reúne as instalacións, videocreacións e curtametraxes experimentais realizadas polo cineasta desde o ano 2010. A mostra —que poderá verse ata 4 de abril— viaxará en maio ao Centro Torrente Ballester de Ferrol. Ademais, os días 27, 28 e 29 de febreiro, a Filmoteca de Galicia (o antigo CGAI) dedicará un ciclo aos filmes do realizador, que complementará e ampliará os contidos da mostra.

Marea eríxese sobre dúas pezas: Hadal, unha instalación composta por un vídeo, dúas videoinstalacións e unha instalación lumínica; e a curtametraxe experimental El sembrador de estrellas. A peza Hadal «mergúllanos nunha incerta escuridade do mar, e reflexiona sobre aspectos perceptivos e sensoriais da experiencia submarina. A flotabilidade do corpo, a atención á respiración e o movemento oscilante da luz envólvennos nunha experiencia íntima de fonda introspección», explica o seu autor.

En continuidade, a curta, gravada en Tokio no 2022, recolle a escuridade nocturna, cicelada entre as luces da cidade constelada, nunha flutuación entre o onírico e o racional, coa paisaxe cognitiva e condicional que sempre é un guión proxectivo para Patiño, detalla a fundación.