Unha mostra percorre a traxectoria de Chichi Campos para divulgar «o gran impacto creativo» da súa obra
CULTURA

A exposición pódese visitar desde onte na Biblioteca de Galicia
31 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Galerista, debuxante, ilustrador, deseñador, guionista, comunista, «e sobre todo un humorista que demostrou que había outro xeito de facer as cousas en Galicia» na década dos 70 e 80. Chichi Campos (Tenerife, 1952-Santiago, 1991), pese a ser un artista «de vida moi breve», como afirma o seu fillo Nicolás Campos, a súa obra deixou pegada, como queda claro na mostra bibliográfica Xesús ‘Chichi' Campos: o humor de trazo elegante, que desde este martes se pode visitar na Biblioteca de Galicia.
A exposición organizada pola Xunta trata de «difundir para o gran público unha persoa que tivo un impacto fortísimo no ámbito creativo galego», resaltou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Nese sentido, apuntou que dedicándolle o Día da Ilustración «estamos sendo capaces de dalo a coñecer fóra dos especialistas». Ao respecto, a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Laura Romero, lembrou que Campos foi un referente para moitos ilustradores, pero lamentou que quedara no esquecemento.
A mostra bibliográfica, articulada en seis vitrinas, repasa a traxectoria vital e artística de Chichi Campos, ademais de poñer en contexto todo un época que foron os últimos anos do franquismo e os primeiros da democracia, lembrou o comisario da exposición, Fernando Recamán. Para este percorrido non faltan debuxos orixinais do artista, así como publicacións nas que colaborou. A primeira das vitrinas da exposición pon o foco nos pasos iniciais de Campos, coa súa nenez, ademais de contextualizar a súa obra no ámbito da movida. Aí pode atoparse, por exemplo, un debuxo dedicado a Miguel Ríos.
O relato expositivo continúa cunha achega ao seu debut artístico. Foi en 1973 na revista A cova das choias, unha publicación pioneira do cómic galego. «Chichi Campos empezou influenciado por Raimundo Patiño, cun estilo máis setenteiro, e en moi pouco tempo vai ter un estilo moi definido e persoal, tanto no contido como no continente», engadiu o comisario. Nese sentido, pasou do debuxo recargado e contido simbólico a unhas liñas angulosas e unha ollada máis crítica dirixida a persoeiros da sociedade galega. Non falta tampouco neste percorrido o seu compromiso político, cunha participación destacada no Partido Comunista de Galicia.
O relato expositivo tamén se detén no traballo coa palabra de Chichi Campos, recollendo algúns dos seus escritos na prensa. Na recta final da mostra unha das vitrinas está dedicada á publicación Can sen dono, permitindo ver tanto o proceso creativo como artístico e técnico que hai detrás dela. Deste xeito, queda patente o traballo manual que esixía antes da revolución tecnolóxica. «Foi a última xeración de artistas que eran artesáns», apuntou Fernando Recamán. Para rematar este achegamento a Campos inclúese un obituario, así como algunha das publicacións máis recentes que manteñen vivo o seu legado.