Unha nova «app» dá acceso a fondos das bibliotecas

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle da biblioteca compostelá Ánxel Casal.
Detalle da biblioteca compostelá Ánxel Casal. Daniela Yanes

A ferramenta da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia achega ao lector máis de 2.200 referencias en galego

31 ene 2024 . Actualizado a las 22:38 h.

«Todo é posible cunha biblioteca nas túas mans». Ese é o lema da nova app da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, unha ferramenta que dá acceso ás máis de 2.200 referencias, entre publicacións e material audiovisual, que conforman o catálogo galego de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico da Xunta. «Isto permite un salto cualitativo de acceso ao libro», asegurou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación desta aplicación que está dispoñible tanto para o sistema operativo Android como para iOS.

A app incorpora tamén unha nova versión dixital do carné da Rede de Bibliotecas de Galicia, co que os usuarios xa non terán que levar a tarxeta física cando acudan ás instalacións bibliotecarias e sería suficiente con ensinar o código de barras.

A nova aplicación pódese descargar en Google Play ou na App Store e para empregala só é necesario contar cun carné da Rede de Bibliotecas de Galicia. Con iso, obtense un código de usuario. Una vez dentro, pódense elixir os títulos en galego, tanto de libros como de material audiovisual, dos que tamén figura unha breve descrición. Ofrece a posibilidade de ter tres libros e dúas películas simultaneamente en préstamo, detallou a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal. O prazo para devolvelos é de 21 días no caso dos libros e de 48 horas para as películas. Todo elo de xeito gratuíto.

Desde esta nova aplicación para móbiles e tabletas tamén haberá dispoñible un enlace ao catálogo de GaliciaLe en castelán, que está conformado por máis de 9.000 títulos entre libros dixitais e revistas. «Isto permítenos levar no peto todos os libros dixitalizados dos fondos das Bibliotecas de Galicia», resaltou o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño.

Dispoñibilidade fóra de Galicia

A Xunta tamén abre o catálogo galego a persoas que non residen en Galicia, xa que ata agora non era posible. Desta xeito, nace GaliciaLe+ coa que buscan promover e facilitar a lectura en galego máis alá das fronteiras, así como facilitar o acceso da Galicia exterior a todos os recursos. Iso si, a diferenza é que os préstamos simultáneos están limitados a un libro e unha película.

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu en que a Rede de Bibliotecas de Galicia conta con máis de 800.000 usuarios, dos que 130.000 son prestameiros activos. «Isto supón que case un de cada tres galegos ten carné dunha biblioteca pública», subliñou ao respecto o conselleiro, Román Rodríguez, resaltando que sete de cada dez habitantes afirman que len con frecuencia.

De maneira paralela ao lanzamento da aplicación, tamén se vai actualizar a imaxe dos carnés de usuario, de xeito que as máis de 300 bibliotecas públicas contarán co mesmo modelo para ofrecer aos lectores. Ademais, por primeira vez, este carné poderá solicitarse de xeito telemático sen necesidade de acudir fisicamente á biblioteca, inciden desde a Consellería de Cultura.