«O dragón de ouro», unha montaxe a ritmo veloz e Sarabela adobada con «pausa breve»

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

A obra estreouse o venres no Teatro Principal de Ourense

25 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha cidade calquera de Europa hai un edificio que ten un restarante «tailandés-chinés-vietnamita de comida asiática rápida» que se chama O dragón de ouro. Nos andares do inmoble sobreviven personaxes singulares: un vello que matina nos tempos mozos, a súa neta ingrávida que ve como a súa historia de parella reventa porque o seu compañeiro non quere ter familia, un tendeiro malandrín que prostitúe a unha moza, un home abandoado pola súa muller... Unha veciñanza e unhas historias que se enguedellan en O dragón de ouro, a nova montaxe de Sarabela Teatro.

A obra, que se estreou o venres e que segue en cartel no Principal de Ourense ata esta tarde —logo xirará por diferentes lugares de toda Galicia—, está baseada no orixinal de Roland Schimmelpfennig e con este proxecto a compañía trae por vez primeira á escena galega a un autor alemán de prestixio internacional e que é un dos dramaturgos máis recoñecidos do seu país.

Na cociña de O dragón de ouro traballan cinco persoas. O máis pequeno, alcumado O Neno que para iso é máis cativo, ten unha forte dor de moas. Non pode ir ao médico porque é un ilegal, e rematará sendo aliviado polos seus compañeiros de traballo entre prato e prato. A paisaxe humana do edificio serve a Schimmelpfennig para reflexionar sobre os grandes temas sociais: a inmigración, a prostitución, os malos tratos...

Un gran traballo de equipo

O dragón de ouro é unha montaxe a ritmo frenético. Dirixida por Ánxeles Cuña, o seus cinco actores —Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu— encarnan 25 personaxes en 48 escenas. Unha acción vertixinosa na que o humor e os cambios de ritmo —«pausa», «pausa breve»—marcan a pauta. Schimmelpfennig, que participou nun coloquio logo da estrea, salientou a calidade e identificación da adaptación, así como o feito de acertar na posta en escena: «Es un texto coral y aquí se ha acertado por haber un gran trabajo de equipo»