A Banda de Gaitas de Forcarei, no festival de Lorient, no ano 2013.
A Banda de Gaitas de Forcarei, no festival de Lorient, no ano 2013. Alba Otero

29 feb 2024 . Actualizado a las 21:47 h.

É bastante coñecida a existencia dun chamado mundo celta arraigado en varios países situados basicamente nunha área do Atlántico norte europeo. Irlanda, Escocia, Gales ou Bretaña entre outros son países célticos que nós, coma galegos, consideramos irmáns por motivos de parentesco principalmente cultural. Son máis as cousas e razóns que nos unen que as que nos separan, e aí é onde radica esa irmandade afianzada e recoñecida dende hai tempo e en diferentes ámbitos. A paisaxe, o clima, o carácter, a etnografía, a arqueoloxía e mesmo a música, son algunhas das características que temos en común con estes pobos. Outros factores de tipo histórico ou social tamén son vínculo de afinidade, como pode ser a emigración. E aínda que neste caso e en esencia este feito non sexa particularmente positivo, algunhas derivadas si o poden ser. En concreto, e no seu momento, o éxodo masivo de poboacións desartellaron de xeito lamentable sociedades como a galega ou a irlandesa espallando polo mundo o máis prezado de calquera país: a xuventude e a vitalidade. A consecuencia traduciuse en sociedades desestruturadas e vulnerables nas que evolucionar tornouse máis complicado pola falta dun dos resortes fundamentais. Por outra banda, e por este mesmo éxodo masivo, galegos, irlandeses, bretóns e escoceses, contribuímos a facer da chamada cultura celta unha das máis universais e estendidas. Todos coñecemos o famoso dito «¿onde non hai un galego?». Que supoño que será perfectamente aplicable a casos similares como pode ser o irlandés, por afinidade. Así pois, hoxe e debido a aquel éxodo, Galicia coa súa cultura e a súa música, están presentes en moitos lugares do mundo. Particularmente na América do Sur en cidades como Bos Aires na Arxentina, Montevideo en Uruguai e Santiago en Chile, onde agromaron unha cantidade interesante de propostas que con bo criterio traballan sobre a nosa cultura e tradición. O mesmo pasa cos escoceses dende moito antes na Nova Escocia canadiana ou en cidades norteamericanas como Nova Iorque, Boston ou Chicago onde os irlandeses teñen unha importante presenza que se traduce no florecemento da súa cultura nestes lugares. Derivadas intercélticas.