Adeus a Alfonso Álvarez Cáccamo, o escritor que seguiu o ronsel cultural dos grandes galeguistas

Luis Carlos Llera Llorente
luis carlos llera VIGO / LA VOZ

CULTURA

Alfonso Álvarez Cáccamo, retratado no ano 2008, na viguesa rúa do Príncipe, diante do museo Marco, cun libro do seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez: «A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo».
Alfonso Álvarez Cáccamo, retratado no ano 2008, na viguesa rúa do Príncipe, diante do museo Marco, cun libro do seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez: «A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo». Xoán Carlos Gil

Fillo de Xosé María Álvarez Blázquez, faleceu este luns no hospital Álvaro Cunqueiro aos 71 anos

05 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un dos escritores que mellor retratou a morte e usou a ironía para analizar a relación dos seres humanos co tránsito ao alén. Alfonso Álvarez Cáccamo, que faleceu este luns no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo aos 71 anos, dicía que os galegos son «os que mellor nos achegamos á morte». Tiña claro que resultaba moito máis práctico preocuparse «polas cousas que son evitables».

O autor deixa en herdanza unha prolífica obra como novelista, poeta, ensaísta, narrador e articulista. Entre ela, está o libro polo que foi gañador do premio Xerais de novela en 1990, As baleas de Eduardo Reinoso. Desta narración dixo el mesmo que era una obra humorística, pero cun fondo tráxico: o drama dun home solitario, o ser que se volve arrogante e queda só. Nos seus escritos estaban presentes personaxes que salpican a historia e o imaxinario de Galicia, como os contrabandistas, e abordou problemáticas sociais como a dos mozos en paro. Nos contos do volume Xente de mala morte, obra que formou parte da colección Biblioteca 120 de La Voz de Galicia, tamén falou dese pano final que toda persoa debe descorrer tarde ou cedo e que el afrontaba con serenidade.

Alfonso Álvarez presumía de compromiso ideolóxico e da súa maneira de entender a vida cunha retranca, presente nas súas obras, que estaba moi afastada da comicidade cimprona doutros escritores. Con modestia, sentíase membro dunha estirpe de autores que fixeron e fan da ironía unha arte, como Castelao, Risco, Rivas ou Cid Cabido. Un humor que o achegou, igualmente, a grandes clásicos ingleses como Oscar Wilde ou Chesterton. As súas derradeiras obras coñecidas foron O destino de Clarescura Lens, publicada no 2012 por Biblos, e Os Gotten (Xerais, 2014).

Fillo do galeguista Xosé María Álvarez Blázquez —e irmán de Pepe Cáccamo, Berta Cáccamo e Celso Álvarez Cáccamo—, lembraba a súa infancia e xuventude nun ambiente que propiciaba o coñecemento e a escoita de mestres como o seu propio pai e amigos deste como Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro e Paco del Riego. Era un grande admirador do seu proxenitor e de toda a súa xeración. «A gran sorte da miña vida», afirmaba con nostalxia ao evocar estas celebridades galeguistas que protagonizaban os faladoiros na casa familiar.

A herdanza e o agarimo do seu pai foron decisivos. E levárono a honralo con dous libros biográficos sobre a súa figura. Dicía que foi o máis difícil que tivo que escribir na súa vida porque a paixón filial podía cegar os seus retratos; e quería facelo con obxectividade. Con esa xenética e eses referentes, non son de estrañar os seus logros e premios, e o xeito de condensar un universo íntimo no que bebeu tamén da literatura de Jules Verne, o grande escritor francés que recalara na ría de Vigo e potenciou o maxín de moitos mozos como el, que desenvolveu unha enorme capacidade para novelar, o que máis lle gustaba. Aínda que cultivou moitos xéneros, onde Alfonso Álvarez Cáccamo se sentiu máis realizado foi na narrativa; cun bo argumento era feliz. Este luns escribiu o peche da novela da súa vida, que levou con sabedoría.