Homenaxe polo corenta aniversario do retorno de Castelao a Galicia

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

O xornalista vigués Xan Carballa explica aos asistentes o relato que compoñen o medio cento de imaxes da súa autoría que integran a exposición que se inaugurou este xoves no Museo de Pontevedra.
O xornalista vigués Xan Carballa explica aos asistentes o relato que compoñen o medio cento de imaxes da súa autoría que integran a exposición que se inaugurou este xoves no Museo de Pontevedra. Ramón Leiro

O Museo de Pontevedra acolle unha mostra fotográfica de Xan Carballa

08 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai case corenta anos, o 28 de xuño de 1984, os restos de Castelao regresaron do seu exilio arxentino. Foron cinco horas dunha complexa operación plasmadas —coma se dunha película se tratase— nas 52 imaxes fixas que conforman Castelao: o retorno a Galicia, 1984, a exposición que se inaugurou este xoves no Museo de Pontevedra composta por fotografías realizadas daquela por Xan Carballa (Vigo, 1960) para o desaparecido semanario A Nosa Terra, e que está comisariada por Xosé Enrique Acuña. Poderá visitarse ata o 2 de xuño.

Restauradas con ocasión desta mostra, as imaxes teñen como escenario os tres espazos de Santiago nos que se desenvolveron os fitos principais do cerimonial de retorno dos restos de Castelao: o aeroporto de Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o interior do Panteón de Galegos Ilustres, onde foron depositados. «A chegada dos restos retrasouse porque houbo unha ameaza de bomba cando estaba despegando de Madrid o avión», lembra o propio Xan Carballa, para remarcar o feito de que, «se xa había tensión na xornada, esta se incrementou. O que se pode ver na exposición é un percorrido cronolóxico polo acontecemento».

Unha tensión que, incluso, derivou en cargas da Garda Civil e da Policía Nacional, principalmente na chegada do féretro a Bonaval. «O momento era politicamente complicado. A autonomía acababa de nacer e, de feito, a data que se escolle para o regreso, o 28 de xuño, era a data do plebiscito do 36, e tratábase de facer unha especie de continuidade política», contextualiza Carballa aludindo a como, mentres Tarradellas en Cataluña ou Leizaola no País Vasco foron recibidos entre multitudes, o retorno dos restos de Castelao «non foi vergonzante, pero si un pouco ás agachadas, procurando non destacar [...]. Había un temor grande, xa non a politizar... porque pretender non politizar a figura de Castelao...».

Xan Carballa, que daquela tiña 23 anos, recorda que naquela xornada de hai corenta anos el «levaba esa emoción, pero, ao mesmo tempo, tamén o oficio de ter que cubrir informativamente aquilo», apunta evocando como, nun momento dado, a acreditación de prensa se lle meteu polo medio da camisa e un policía veu e díxolle: «Vostede que fai aquí?». «Pero non pasou nada máis, as cousas son como son», engade. Tamén recorda como a xornalista de TVE Tareixa Navaza lía textos de Castelao ao tempo que se producían as cargas policiais. Aínda que xa ocorreran no aeroporto, «onde verdadeiramente se desbordan é cando tratan de meter o coche cos restos por unha rúa que evitaba que pasase por diante da xente, o que era tanto como furtarlles a homenaxe».

Recoñece que, ás veces, imaxina como sería a chegada dos restos de Castelao na actualidade: «Sería un montón de xente facendo fotos cun teléfono», apunta quen asume que pertence a unha xeración na que, xunto coa dos seus pais, «a figura de Castelao era unha figura furtada. Creo que Castelao nos anos vinte e trinta era posiblemente a figura máis popular de Galicia. Tiña unha presenza moi grande. Era caricaturista nos xornais. As súas imaxes eran tan populares que incluso se quedou a expresión “iso son cousas da vida por Castelao”. Pero tamén era deputado e, na campaña do Estatuto, estaba en todas as partes... El, Alexandre Bóveda, a xente do Partido Galeguista foron os que abandeiraron politicamente aquel movemento».

Botando a vista atrás, Carballa confesa sentirse, en certo modo, «defraudado porque non se fixo unha campaña de popularización. Independentemente da discrepancia, unha cousa que se bota en falta e ten pouca explicación é por que non se fixo ningún chamamento. Era un día laborable, pero non houbo ningún chamamento a amparar aquel regreso».

Contexto das imaxes

O fotoxornalista vigués é dos que defende que as imaxes precisan de contextualización, como tamén a incorpora a exposición ao achegar obra artística de Castelao, fotografías, documentación e prensa da época para amosar e explicar os anos de exilio do intelectual galeguista. Así, habilitouse ao comezo da exposición un espazo no que, de forma breve, pero exhaustiva, se debullan os anos de Castelao nos Estados Unidos, Cuba e, finalmente, na Arxentina, onde finou o 7 de xaneiro de 1950.

Entre outras pezas, exhíbese o seu pasaporte diplomático como ministro do Goberno da República no exilio, os raros albumes coas súas estampas de guerra editadas en Shanghai, así como tamén imaxes do seu enterro en Bos Aires. E, por primeira vez, a totalidade do expediente que, entre 1937 e 1962, se lle abriu a Castelao por parte dos tribunais franquistas de «responsabilidades políticas» e polo que se procedeu a incautarlle ao escritor todo o seu patrimonio e mesmo unha parte significativa da súa obra artística e literaria.