Oito mulleres que mudaron o mundo con palabras, unha mostra «para inspirar»

M. G. I. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Santi Alvite

A exposición permanecerá ata o 18 de abril en Filoloxía para iniciar unha itinerancia por outros centros da USC

19 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Obras escritas por mulleres que obraron o milagre de mudar o mundo con palabras». A esa característica responden Frankenstein ou o moderno Prometeo (1818), de Mary Shelley; A cabana do tío Tom (1851), de Harriet Beecher Stowe; Abaixo as armas (1889), de Bertha von Suttner; O voto feminino e máis eu (1936), de Clara Campoamor; Matar un reiseñor (1960), de Harper Lee; Primavera silenciosa (1962), de Rachel Carson; Eichmann en Xerusalén (1963), de Hanna Arendt; e A mística da feminidade (1963), de Betty Friedan. Estas obras e as súas autoras son as protagonistas da exposición Oito libros, oito mulleres que cambiaron o mundo, que iniciou onte a súa andaina na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago.

A mostra, que parte dunha idea orixinal e deseño de Pedro Quílez, foi adaptada ao galego, incluíndo ademais nos casos dispoñibles a versión da obra na lingua propia. Está conformada por nove paneis: un introdutorio e outros oito nos que se recolle un breve achegamento á autora e un breve fragmento da obra. «A potencia que pode ter esta exposición é o carácter de inspirar. Trátase de descubrir e redescubrir estas obras e a partir de aí poder chegar a outras voces, a outros libros, a outras mulleres», resaltou na inauguración a directora da Biblioteca Universitaria, Mabela Casal.

Santi Alvite

A exposición permanecerá ata o 18 de abril en Filoloxía para iniciar unha itinerancia por outros centros da USC. «A igualdade hai que traballala todos os días», terzou o vicerreitor de transformación dixital, Gumersindo Feijoo. Nese sentido, o decano de Filoloxía, Elias Feijó, incidiu no moito camiño que queda por percorrer para avanzar nesas perspectivas e sensibilidades. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, resaltou o valor das ideas que transmiten as obras seleccionadas.