Haberá lectores que sospeiten que esta sigla, A.P., fai referencia a Alianza Popular, precedente do Partido Popular. Non hai tal. O equipo A.P., alleo totalmente ao señor Fraga Iribarne, constituíuse en 1974 e estaba formado por tres adolescentes interesados en recolleren cántigas e refráns sobre o clero galego. Estes tres pícaros lugueses (dito sen bisemia), entre 16 e 14 anos, publicaron a fins de 1974 un libriño de 68 páxinas titulado O clero na literatura popular galega. Cancioneiro e refraneiro na colección Arealonguiña da editorial madrileña Akal.
No limiar os compoñentes do equipo A.P. (dous mozotiños e unha rapaza) apelan aos lectores «con curiosidade seria» para que vexan, neste corpus de textos populares, non só «un pasatempo rexoubeiro» senón «un documento sociolóxico e ideolóxico» de moita valía. Teño noticias de que o corpus escolleito polos tres antólogos (E., X. e S.A.P.) acadou un notable éxito comercial. Os lectores, amigos da rexouba ou do documento social, atoparon no libriño bastantes textos dedicados aos dous «pecados» que o pobo rural lle apón, desde hai moito, ao clero galego: o de seren comellóns e o de esquecérense do sexto mandamento; non escasean os textos alcumando aos curas de lacazáns ou nugalláns porque, para o sufrido proletariado rural, o traballo sacerdotal non é tal («Preguiceiros do convento, / aprendede a traballar, / que o pan do kirieleisón / sempre non ha de durar»).
Os antólogos consultaron as publicacións esperables, ademais de recolleren nas augas vivas da mesma tradición oral, oito cántigas, unha verdadeiramente sorprendente mesmo para os entendidos: «Cantiguiñas deshonestas / eu as cantarei ou non, / que mas deu de penitencia / o cura na confesión».
Eu, xa daquela, reflexionei sobre este corpus tan anticlerical, transmitido, nas aldeas, por xentes que non faltaban á misa os domingos e que, á súa maneira, respectaban aos señores abades. Os textos transmitidos foron, no seu día, compostos por fistores que denunciaban ao clero sen cuestionalo esencialmente. Esta é a miña reflexión no cincuentenario do curioso libriño.