Cal foi a mellor canción galega do 2023? Según unha votación de 9.850 persoas, «Morena» 

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

O tema do grupo De Ninghures gaña a gala do proxecto aRi[t]mar. De segundo quedou o dúo Caamaño&Ameixeiras con «Ai de Min», e de terceiro Mondra con «Ardén» 

02 abr 2024 . Actualizado a las 23:42 h.

Para as 9.850 persoas que votaron na convocatoria de aRi[t]mar, a mellor canción do 2023 en Galicia é Morena do grupo De Ninghures. Trátase dunha peza que mestura a tradición galega coa música de baile electrónica e serve de exemplo de moitas das cousas que conflúen na actualidade na creación musical en Galicia.

A formación, integrada por músicos bergantiñáns, composteláns e fonsagradinos, ten na súa discografía un álbum de longa duración, Aquí (2022), e varios sinxelos. Morena, editado en outubro do 2023, é o último. Foi gravado nos Estudios Mans da Coruña e contou coa produción de Juan de Dios Martín (Amaral, Xoel López, Barón Rojo) editado en outubro do 2023. A parte bergantiñá de De Ninghures vén por Hadrián García, tamén docente, guía, regueifeiro. E Manuel Fernández, Cataqui, aínda que fonsagradino, é tamén xa un pouco destas terras coruñesas, actualmente docente no instituto Alfredo Brañas de Carballo, antes no Parga Pondal. Marta Álvarez, a súa parella, reside asemade na capital bergantiñá, percusionista do grupo. 

Despois de Morena, quedaron o dúo Caamaño&Ameixeiras co tema Ai de Min e Mondra con Ardén, segundo e terceiro tema da votación respectivamente pola banda galega. Caamaño e Ameixeiras son Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, esta última baiesa-laxense, e Caamaño con vencello igualmente á Costa da Morte. Veñen de sacar segundo disco recentemente, Quitar o aire.

O proxecto aRi[t]mar é unha iniciativa cultural que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais. Así, nesta convocatoria tamén entraba en xogo a música portuguesa. O tema elixido como o mellor en Portugal no 2023 é Na Escola, da banda coimbrán Os Quatro e Meia, que leva en activo desde o 2013 facendo un pop-rock con tendencia a cancións lentas e emotivas e alta presenza do piano. O segundo e a terceiro clasificado do país luso foron Miguel Araújo co tema Sagitário e Carolina Deslandes coa súa Saia da Carolina.