O PSdeG e Castelao

La Voz BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Tuco Cerviño posa cun exemplar do seu libro.
Tuco Cerviño posa cun exemplar do seu libro. Daniela Yanes

07 abr 2024 . Actualizado a las 20:01 h.

cabo de ler un excelente e orixinal libro memorialístico que se titula Un taxi verde e un concerto e que se subtitula Memorias (Galaxia, 2023). O autor, o doutor Tuco Cerviño (Pontevedra, 1945), xa pertence, por este volume, á nómina dos médicos galegos cos que a literatura ten que contar. Pero esta columna non é, hoxe, unha reseña de tan interesante crónica autobiográfica na que abundan persoas e feitos moi presentes no acontecer sociocultural da Galicia dos tempos do franquismo.

Un dos breves capítulos destas memorias (son, grosso modo, cento cincuenta) titúlase Xesús Alonso Montero no Cantábrico, que non é un mar, que era un café de Santiago na rúa da Senra. Conta o cronista nese capituliño algo referido a min (e a Castelao), relato que require, penso, unha cordial matización: «[...] en Padrón, pouco antes dun 25 de xullo, preguntoume se os socialistas volveriamos a Rianxo ese día para homenaxear a Castelao. Ao responderlle afirmativamente, afeoumo con acritude, e díxome que tiñamos que ir a homenaxear a Xaime Quintanilla, o alcalde socialista e galeguista de Ferrol fusilado en 1936». Non lembro este episodio verbal, e ben que o sinto; tampouco o da miña acritude, sobre todo cunha persoa moi estimada por min desde sempre.

Hai bastantes anos —isto si que o lembro ben— sempre que batía cun socialista máis ou menos amigo esforzábame en explicarlle que esa homenaxe do 25 de xullo (Día da Patria Galega) debería trasladarse a Ferrol (berce de Pablo Iglesias) onde Xaime Quintanilla exerceu como médico e escritor. Era alcalde socialista no tráxico verán do 36, data do seu asasinato. Quintanilla, interesante escritor en lingua galega, viña do mellor galeguismo das Irmandades da Fala cando se afiliou ao PSOE e nunca, no seu espírito, esmoreceran as vellas bandeiras.

Hoxe sei que algúns militantes do PSdeG-PSOE perciben, con emoción, no nome de Xaime Quintanilla, alguén, moi valioso, que tratou, no seu día, de conxugar socialismo e galeguismo dun xeito moi pouco artificial. En calquera caso, agradezo a cita do doutor Tuco Cerviño e, moi especialmente, as memorias do escritor.