«Atrápame se podes» regresa á Televisión de Galicia

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O programa retoma as emisións de luns a venres ás 13.15 horas

12 may 2024 . Actualizado a las 17:49 h.

O concurso máis visto da Televisión de Galicia volve á grella este vindeiro luns 13 de maio. Os novos programas de Atrápame se podes emitiranse de luns a venres ás 13.15 horas. «Na rúa non paran de preguntarme cando volve o Atrápame. Algún ata me preguntou se marchei co bote. Xa lles podo dicir que o Atrápame está de volta. E que non teñan medo, non marchei co bote» apunta o presentador, Paco Lodeiro, entre risas.

Este luns o formato recupera o premio do seu último programa emitido, nada máis e nada menos que 26.400 euros. Os afortunados en loitar por el esta primeira semana serán Matilde de Lugo, Jorge de Pantón, Lucía de Bueu, Rubén de Vilanova de Arousa e Lola de Burela. Se algún deles consegue que Paco Lodeiro lle diga «chanzo arriba» cinco veces seguidas poderá facerse co cobizado bote do concurso.

«Estamos de volta con novas preguntas cheas de coñecementos, de curiosidades, de humor e, por suposto, moita música para que todos os que nos ven bailen e canten na casa. Sabemos que os espectadores nos botaron en falta, por iso queremos recompensalos con programas nos que, ademais de aprender, poidan desfrutar moito», comenta Lodeiro. «Non podo desvelar nada polo de agora, pero adianto que veñen por aí moitas novidades e sorpresas que estivemos preparando estes meses, polo que lles recomendo a todos que non perdan ningún programa», conclúe o presentador.

Atrápame se podes estreouse en xuño do 2021 e dende entón conquistou á audiencia sendo seguido por máis de 100.000 espectadores de media diaria no conxunto das súas emisións. Nos 680 programas que leva ata o de agora, o concurso repartiu máis de 200.000 euros, tanto en botes coma en petiscos. Ademais, o formato fixo historia en setembro do 2023 ao entregar o premio económico máis alto da Televisión de Galicia: 101.800 euros foron para A Coruña despois de que Iván Pantín acertase as cinco preguntas da famosa fase do concurso que moita xente coñece como «a dos chanzos».

Como participar no concurso

As persoas interesadas en participar só teñen que mandar os seus datos de contacto ao enderezo electrónico atrapamesepodes@crtvg.gal. O equipo de casting do programa poñerase en contacto cos aspirantes, que entrarán no proceso de selección para converterse nun dos afortunados en probar sorte.