A adaptación de Ibsen de Tito Asorey e Vanesa Sotelo, única candidatura galega nos premios Max de teatro

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Vanesa Sotelo e Tito Asorey adaptaron a obra de Ibsen para a nova produción de Talía Teatro «Unha inimiga do pobo».
Vanesa Sotelo e Tito Asorey adaptaron a obra de Ibsen para a nova produción de Talía Teatro «Unha inimiga do pobo». Ana García

A montaxe «Forever», dirixida por Iñaki Rikarte, preséntase como favorita do concurso ao acadar as nominacións de espectáculo, autoría, deseño de espazo escénico e dirección de escena

20 may 2024 . Actualizado a las 22:58 h.

A versión do texto do dramaturgo noruegués Henrik Ibsen (1828-1906) Unha inimiga do pobo realizada por Tito Asorey e Vanesa Sotelo para Talía Teatro é a única candidatura galega das 44 que compiten na 27.ª edición dos premios Max de teatro, na que aspira ao recoñecemento á mellor adaptación de obra teatral. A montaxe —que xa triunfou nos últimos María Casares ao gañar nos apartados de espectáculo, adaptación, actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), espazo sonoro e iluminación— pugna pola estatuíña coas pezas Las Bingueras de Eurípides (coa escritura debida a Ana López Segovia e a produción de La Niñas de Cádiz) e Electra (versión de Sófocles realizada por Fernanda Orazi; e impulsada pola compañía Pílades Teatro). O resultado saberase o próximo 1 de xullo na gala que acollerá o auditorio Adán Martín de Tenerife e que organiza a Fundación SGAE.

Esa noite a obra Forever, dirixida por Iñaki Rikarte —producida por Centro Dramático Nacional, Kulunka Teatro, Teatro Arriaga de Bilbao e Teatro Victoria Eugenia de San Sebastián—, preséntase como favorita ao acadar catro importantes nominacións: espectáculo, autoría, deseño de espazo escénico e dirección de escena. Tras ela Falsestuff. La muerte de las musas, producida polo Centro Dramático Nacional (espectáculo, deseño de espazo escénico e vestiario). Ao Max á mellor actriz opta Victoria Luengo por Prima Facie —que pelexará tamén polo premio ao espectáculo de teatro—, xunto con Nerea Moreno por Coronada y el toro e Natalia Huarte por Psicosis 4.48. O Galardón do actor será para Eduard Fernández por Todas las canciones de amor; Pedro Casablanc por Don Ramón María del Valle-Inclán; ou Rubén de Eguía por En mitad de tanto fuego.