A Fundación Penzol amosa cos seus fondos a vida e a obra de Luísa Villalta

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Malores Villanueva, Manuel Puga, Susana Villalta, María Gómez, Abel Caballero, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes e Carmela Silva, na inauguración da mostra sobre Villalta, aberta ata o 29 de setembro.
Malores Villanueva, Manuel Puga, Susana Villalta, María Gómez, Abel Caballero, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes e Carmela Silva, na inauguración da mostra sobre Villalta, aberta ata o 29 de setembro. Óscar Vázquez

A Casa Galega da Cultura de Vigo acolle unha exposición sobre a poeta festexada nas Letras

23 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«A ela séntese como unha melodía sostida no aire», afirmou Malores Villanueva para referirse a Luísa Villalta, a muller homenaxeada este ano pola Real Academia Galega no Día das Letras. Díxoo durante o acto de inauguración da exposición que a Fundación Penzol dedica á poeta coruñesa na Casa Galega da Cultura de Vigo. A secretaria da institución depositaria da memoria da cultura galega debuxou un perfil poético da autora de O outro lado da música, a poesía (1999), ante a presenza da nai e a irmá de Luísa Villalta, María Gómez e Susana Villalta; o presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes; o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga; e o alcalde, Abel Caballero.

A exposición, de carácter divulgativo, presenta nunha serie de paneis un sintético percorrido pola vida e a obra da escritora. Ademais, en tres vitrinas amósanse corenta publicacións que recollen boa parte da súa obra, todas pertencentes aos fondos da biblioteca Penzol. O itinerario vital e cultural de Luísa Villalta empeza na Cidade Alta, na Coruña, e segue na Universidade de Santiago, para pasar pola súa produción literaria e a súa vinculación coa música, como violinista, no grupo folk Escaino, a Orquestra de Santiago e a Xove Orquestra de Galicia. Villanueva lembrou que Villalta denominaba violino ao seu instrumento musical.

O relato expositivo complétase coa súa faceta como docente e militante en numerosas causas sociais e políticas. «A literatura é unha actividade política, dicía Villalta», recordou a secretaria da Penzol. «É un referente dunha xeración que colleu o facho dos devanceiros e decidiu continuar esa fermosa batalla de construír o futuro dende o noso idioma», sinalou Freixanes, que anotou que actualmente xa non se celebra o Día das Letras, senón o Ano das Letras.

Luísa Villalta publicou, en apenas vinte anos —de 1989 datan os seus primeiros escritos—, preto de quince títulos, ademais de numerosos textos en revistas e publicacións colectivas. Unha intensa actividade que se decanta nunha produción que abrangue diversos xéneros literarios: o ensaio, o teatro, o xornalismo de opinión, a narración e mais a poesía. O seu temperán falecemento, no 2004, con só 46 anos, tronzou unha vida nun momento de plena madureza creativa. Dende hai anos, a Fundación Penzol organiza unha exposición sobre a persoa elixida pola Real Academia Galega. «Facemos así público o noso compromiso coa festa galega», subliñou Manuel Puga.