Federico García Lorca en Betanzos, nunha das súas visitas a Galicia.
Federico García Lorca en Betanzos, nunha das súas visitas a Galicia.

02 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O 24 de maio, a cidade de Lugo foi escenario dun acontecemento literario-musical protagonizado polo cantautor —inmenso e delicado— Amancio Prada. Pero o concerto deste galego e berciano universal ofreceunos un capítulo especial, moi especial, para Lugo: a súa interpretación do primeiro poema en lingua galega de Federico García Lorca, poema tan vencellado á cidade de Lugo.

Sabido é que ese primeiro poema galego (Madrigal á cibdá de Santiago) foi escrito (ou reescrito) polo propio Lorca «nunha tenda de gramolas rexentada polo escritor Luís Manteiga en Lugo, no ano 1932, e que foi publicado, por primeira vez, nese mesmo ano, por Ánxel Fole nas revistas Yunque e Resol». Así nolo contou Francisco Lamas, médico, amigo de Lorca e dirixente do Comité de Cooperación Intelectual, que foi a entidade luguesa que convidou ao poeta para impartir unha conferencia sobre a pintura de María Blanchard.

De Francisco Lamas sabemos que, por ser alcalde de Lugo en 1936, foi condenado polos sublevados a prisión, na que penou sete anos. Na súa difícil existencia posterior ao 36, levou sempre consigo, entre as súas pertenzas, un tesouro literario: o manuscrito autógrafo do primeiro poema galego de Federico, que eu fotocopiei na súa casa de Madrid o 29 de decembro de 1980, facsímile que publiquei por primeira vez no meu libro Escritores: desterrados, namorados, desacougantes, desacougados... (Ediciós do Castro, 1981; páxina 254). O extraordinario recital de Amancio en Lugo non sería tan cabal se non ofrecese ao público lugués este poema tan vencellado á cidade e aos seus intelectuais (Ánxel Fole, Francisco Lamas, Luís Manteiga, Ramón Martínez López...).

Oíndo a Amancio Prada, somos moitos os que pensamos que moi poucos homes e mulleres de letras teñen feito tanto pola difusión dalgúns grandes poetas hispanos: San Juan de la Cruz, Jorge Manrique, Agustín García Calvo, Federico García Lorca, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e o inmortal Mendiño, entre outros. Por iso nos preguntamos: cando as nosas universidades honrarán a este eficaz incitador da causa poética cun doutoramento honoris causa en Literatura?