«A trama negra sérveme para reivindicar as persoas diferentes»

CULTURA

cedida

A coruñesa Marta Villar gaña o Premio Xerais con «Detective Ferruchi», a segunda novela da autora na que destacan o humor e a crítica laboral

09 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Detective Ferruchi, de Marta Villar (Malpica de Bergantiños, 1973), é a obra que o xurado da 41.ª edición do Premio Xerais de Novela declarou onte por unanimidade gañadora do certame dotado con 10.000 euros e unha morea de prestixio. Villar é xornalista curtida nas comarcas e esta é a súa segunda novela publicada. A anterior, tamén con Xerais, saíu o ano pasado.

—Que foi, que de repente pasou de cero a cen?

—Non publiquei ata agora porque, aínda que poida parecer o contrario, son moi insegura. A xente pensa que son una friki porque ás veces se me ocorren ideas algo raras, e no xornalismo non podes sacalas. Estou acostumada a que non me fagan nin caso. De mais nova probei coa literatura, non tiven éxito e renunciei totalmente. Pero agora quixen intentalo por última vez e, se non, pois non pasa nada. Presentei unha novela á editorial Xerais o ano pasado e como ma publicaran, díxenme: «Vou con esta e a presento ao premio, e se non mo dan, xa teñen o traballo feito para saber se vale ou non para algo».

—Moi práctica!

—Si, pero a verdade é que non tiña moita esperanza de gañar, porque na lista hai xente moi importante, entre eles o meu admirado Darío Xohán Cabana, do que teño aprendido tanto. Ademais, estaba traballando e vin que non aguantaba facendo as dúas cousas, así que pedín unha excedencia de tres meses e os dous últimos, xullo e agosto, dediqueinos de forma completa a esta historia porque confiaba nela. No xornalismo, onde traballas pola mañá, pola tarde, as fins de semana, os festivos... non che queda tempo para nada. Érame imposible porque para escribir unha novela precisas estar moi metida nela. Polo menos tiven sorte de que o sacrificio de vivir os tres meses sen salario se veu recompensado.

—A literatura dálle entón para contar o que non cabe no xornalismo?

—Pois si. Permíteme unir temas que me interesan e non podo tratar, coa fantasía e co humor galego. Penso que as miñas novelas, definitivamente, son moi galegas. Se tivese tempo e puidese vivir da literatura escribiría máis, pero non o teño por culpa da profesión, aínda que é unha profesión que amo e me dá moito.

—Teñen algo en común as dúas novelas?

—Teñen en común que nas dúas hai un crime e unha investigación, pero a outra é máis rural e esta é nunha vila urbana. Na primeira hai algo de humor e nesta é todo humor, unha fina ironía e retranca que atravesa toda a novela porque penso que, se o fago así, as mensaxes éntranlle mellor á xente. No que tamén se parecen é en que a trama negra me serve para reflexionar sobre outros temas de actualidade social e para reivindicar.

—Para reivindicar que?

—Os colectivos minoritarios, as persoas diferentes, as mulleres que co seu sacrificio levantaron un imperio como pode ser o de Inditex, cuxo mérito tamén é delas. É unha reivindicación a través do thriller, que me encanta como lectora, da clase traballadora á que pertenzo. A conciencia de clase non hai que perdela nunca. A obra tamén fala de xornalismo, aproveito para queixarme, para denunciar e reivindicar as condicións nas que están os xornalistas hoxe en día, ata que alguén me dea un toque.

—A protagonista volve á súa vila natal, monta unha libraría e aos poucos días aparece asasinado un veterinario insociable a quen a veciñanza admira pola súa sensibilidade no trato cos animais, o que, curiosamente, parece ser non moi habitual. Alguén real?

—Os personaxes principais son inventados, pero outros están baseados con moito cariño en xente que coñezo, como unha muller que ten como mascota un porquiño, ou unha costureira. É moi coral neste sentido. Na vila, Umei