Xosé Carlos Caneiro dálle unha nova vida á novela «Paraíso» coa súa versión en castelán

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Caneiro saúda a Feijoo á chegada do político ao encontro de presentación en Madrid da novela «Paraíso».
Caneiro saúda a Feijoo á chegada do político ao encontro de presentación en Madrid da novela «Paraíso». Benito Ordóñez

O escritor verinés explica que a obra rexurde diferente «noutra lingua e con outros rexistros»

12 jun 2024 . Actualizado a las 22:40 h.

A novela Paraíso (Ézaro, 2023) de Xosé Carlos Caneiro transformouse un ano e medio despois da súa edición orixinal en Paraíso. La balada de las cuatro nueces (Sial-Pigmalión, 2024). No paso ao castelán da obra mudaron algunhas cousas. «É que se trata dun libro reescrito, non traducido», precisa o autor. Presentábao este mércores no salón de actos da Consejería de Cultura da Comunidade de Madrid. No encontro participaron o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijoo; Marta Rivera de la Cruz, tenente de alcaldía do Ayuntamiento de Madrid e tamén escritora; e José María Paz Gago, catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña.

«Cambiei algúns rexistros da obra, fundamentalmente de índole estética. E estou moi satisfeito co resultado», di o escritor ourensán constatando a evolución dun libro que rexorde nesta revisión. «Toma unha nova vida noutra lingua e con outros rexistros», detalla Caneiro. Por un lado, é igual. Pero, por outro, trátase dun libro moi diferente: «Fundamentalmente, a historia, a estrutura e os personaxes son os mesmos, pero o fraseo é diferente. A música do texto en galego non coincide coa música do texto en español».

Cando presentou Paraíso hai ano e medio lembraba que esta obra supoñía o seu regreso á escrita en galego. «Paraíso é o meu reencontro coa novela galega, que abandonei no 2010 coa publicación de Un último destino», dicía entón. Tamén falaba dela como a novela máis sentida de toda a súa produción. Como a ve agora, co tempo transcorrido? «Sigo véndoa así, porque é a novela máis descritiva do meu modo de entender a literatura. En Paraíso recóllense parte das novelas anteriores. É un retorno a Ébora, ese territorio máxico e fantástico que creei hai moitos anos. Isto supuxo un regreso, e Paraíso vén ser un compendio de todo o que está escrito atrás. Estou moi ilusionando con este lanzamento», incide.

Durante a presentación, Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) recibiu o premio Escriduende, que concede a súa editora e que quere recoñecer a mellor novela da Feira do Libro de Madrid.