Cercedo-Cotobade acolle unha mostra das ilustracións que o artista fixo para acompañar as anotacións do etnógrafo pontevedrés que describían algunhas crenzas populares galegas arredor de distintos animais
25 jun 2024 . Actualizado a las 21:55 h.Cerdedo-Cotobade inaugurou onte unha mostra coas ilustracións que o debuxante Miguelanxo Prado fixo para o libro Os animais de Fraguas, que —organizada polo Concello e o Museo do Pobo Galego— estará aberta no centro cultural de Carballedo que leva o nome do etnógrafo homenaxeado nas Letras do 2019.
Os animais de Fraguas xorde do labor realizado pola responsable da biblioteca e patroa do Museo do Pobo, Rosa Méndez, que cando catalogaba o legado do intelectual Antón Fraguas (Insuela, Loureiro, Cotobade, 1905-Santiago, 1999) descubriu uns manuscritos inéditos que contiñan interesantes anotacións que describían algunhas crenzas populares galegas arredor de distintos animais. O libro, publicado polo Museo do Pobo Galego no 2020, recolle o diálogo entre os textos de Fraguas e as imaxes de Prado. A idea da exposición abrollou no confinamento do covid, cos animais reocupando espazos dos que foran expulsados, e grazas ao traballo de Miguelanxo Prado tamén ocuparon, en versión ilustrada, o seu lugar en librarías, bibliotecas e fogares.