Arquivo Familiar Luísa Villalta

03 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega decidiu dedicar o Día das Letras Galegas deste 2024 a Luísa Villalta. Filóloga, escritora e violinista, destacou en todas estas facetas de xeito notable e o seu prematuro falecemento no 2004 foi unha conmoción para o mundo da cultura galega. Na súa dimensión musical e como violinista, nun momento da súa vida, formou parte de Escaino, un grupo musical integrado inicialmente por ela e os irmáns Pereiro, Paulino á frauta e á guitarra e Lois ao clarinete e tamén á guitarra. Pouco despois da creación do grupo uniríaselles Xoán Fernán ás percusións. No tempo que estiveron en activo non chegaron a gravar nada en estudio aínda que si quedou un rexistro ao vivo con catorce temas recollidos no auditorio da Caixa de Aforros de Compostela nos 80. Un documento moi interesante que amosa un anaco histórico moi fermoso da faceta musical de Luísa Villalta e os seus compañeiros. Ao tratarse dun directo, a gravación non ten a calidade que podería ter un traballo de estudio pero si mantén o latexo da emoción do momento e o pulso de estar facendo música diante dun público que dalgún xeito engade unha percepción diferente. O estilo de Escaino non estaba moi definido e creo que a eles parecíalles ben que así fose.

Escoitando as súas músicas a min véñenme lembranzas nas que quizais o folk sexa o modo predominante polo tipo de temas e instrumentación pero tamén a música medieval, o jazz e por suposto a clásica. No seu tempo foron dos primeiros en facer algo deste xeito e foi unha mágoa que non tivesen editado nada. Creo que forman parte da historia musical deste país e convén lembrar o seu traballo anda que fose fuxidío. Ao tempo que o escoitaba, tamén me deu por buscar o significado da palabra escaino e comprobei que, de entrada, non está aceptada pola RAG. Eles mesmos explicáronme que se trataba dunha especie de banco que había nas casas onde se sentaban os namorados; entre eles, e no mesmo banco, sempre había un familiar vixiando os seus movementos. Tamén vin nalgún outro dicionario o significado de muíño, así como que pode tratarse dun armazón que se coloca no centro da igrexa para celebrar as honras dun defunto. Unha palabra polisémica que daba nome a un grupo de estilo ecléctico no que Villalta e os seus compañeiros desenvolveron un anaco do seu talento.