Adeus a Justo Beramendi, un madrileño criado en Almería para trazar a historia do nacionalismo galego

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Beramendi, retratado xunto á dorna da sala do mar do seu benquerido Museo Pobo Galego.
Beramendi, retratado xunto á dorna da sala do mar do seu benquerido Museo Pobo Galego. Paco Rodríguez

O ambicioso proxecto de ampliación e modernización do Museo do Pobo Galego foi outro dos seus labores vitais

04 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Justo Beramendi González foi un galego moi á súa maneira. Nacido en Madrid en 1941 de nai vasca —«de aí me vén o Beramendi; todos os seus apelidos eran vascos», dicía— e de pai madrileño —«de terceira xeración, aínda que miña avoa era de orixe asturiano»—, criouse en Andalucía entre os 5 e os 17 anos. A súa nai, funcionaria de Correos, republicana, castigárana co desterro a Almería. «Alí pasei a segunda metade da infancia e a adolescencia, ata que volvín a Madrid». Coa súa muller, Carmen —«almeriense polos catro costados»—, deixou a capital española por Barcelona en 1969. «Daquela militaba na estrema esquerda clandestina. Recibimos o chivatazo de que ían por nós. E fuximos cara unha cidade na que residían a miña cuñada e o seu home, Xosé Manuel Casabella, que acababa de rematar Arquitectura». Foi nese desprazamento vital onde comezou a súa galeguidade. «Entrei en contacto con Galicia a través da colonia galega de Barcelona, Basilio Losada, Xavier Costa Clavell...». Foi así como coñeceu a César Portela, cando visitou o Colexio de Arquitectos de Cataluña, cando andaba a organizar a segregación de Galicia do Colexio de Arquitectos de León e Asturias, un proceso que concluíu en 1973. «No 74 César ofreceume un posto bastante ben remunerado como xerente da comisión de cultura do COAG —lembraba Justo—, que aceptei porque meus cuñados xa marcharan para A Coruña e quedaramos un chisco illados» en Barcelona. En setembro aterrou en Galicia e caeu, ao redor do COAG, no medio de intelectuais e profesionais de idearios galeguista e nacionalista. «E me galeguicei», relataba. Ingresou no Partido Socialista Galego que encabezaba Xosé Manuel Beiras e mantívose nos lindes nun nacionalismo moi peculiar: «Xamais renunciei ao internacionalismo proletario no que militara na mocidade».

Partidario de que cada pobo decida o que quere ser por si mesmo e como quere relacionarse cos demais, tamén apelaba ao sentidiño para valorar se o logro da independencia ía traerlle a un pobo máis danos que vantaxes, porque se a conquista é para empeorar non cadran as contas; e «por riba destas cuestións está sempre o benestar das persoas».

Pese aos seus estudos de Enxeñaría Industrial en Madrid, a mediados dos oitenta Beramendi acabou doutorándose en Historia na Universidade de Santiago —da que sería catedrático de Historia Contemporánea e vicerreitor—. E converteuse nun especialista na historia das ideoloxías e os nacionalismos. Un dos froitos maiores desta dedicación é o seu ensaio De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Xerais, 2007), un traballo que segue a ser un referente ineludible neste campo tanto para especialistas como para o lector curioso. Por esta investigación que lle ocupou máis de dous decenios de ardua tarefa e por riba dun millar de páxinas —nas que traza a senda do nacionalismo galego desde o movemento provincialista do século XIX ata o BNG—, obtivo o Premio Nacional de Ensayo que concede o Ministerio de Cultura.

Formou parte deste xeito da xeración que impulsou —a partir dos 70— a profesionalización rigorosa e a actualización metodolóxica do estudo e a escritura da historia en Galicia, que alcanzou hai tempo, gustaba de afirmar, uns niveis de ecuanimidade e esixencia equiparable aos de calquera outro país. A obxectividade total é imposible, admitía, porque o historiador é tamén cidadán, e avogaba por facer un esforzo na despolitización do uso da historia e por acrecentar a súa divulgación. «A ideoloxía non debe interferir no labor de interpretación do historiador», demandaba.

Outra das súas dedicacións vitais estaba no Museo do Pobo Galego, do que foi cofundador, secretario (1976-1986), presidente da xunta reitora (2000-2011) e do padroado (2011-2022), ata que se retirou non sen antes deixar encamiñado un ambicioso proxecto de ampliación e modernización. Precisamente, no ano 2019 recolleu o premio Fernández Latorre, de La Voz de Galicia, concedido ao Museo do Pobo Galego do que el era nese momento presidente.

O vello profesor faleceu aos 82 anos en Compostela este mércores, pero quedan as súas leccións.

Preocupado pola crise demográfica galega e pola precarización do emprego dos mozos

Para Justo Beramendi o gran obxecto dos seus desvelos como investigador estaba no pasado, por descontado, pero el tiña dous fillos (Pablo e Mario) que lle mantiñan a mirada cara adiante, alén da súa propia curiosidade polos incertos camiños que tomaba o mundo. Porque era persoa non só informada senón tamén moi crítica cos poderes públicos. Confesaba que o que máis lle preocupaba de Galicia a medio e longo prazo eran «os moi graves problemas» que padecía no eido demográfico. É un mal compartido por moitos países do entorno europeo e tamén por outras comunidades autónomas, sabía, pero «mal de moitos, consolo de parvos», chanceaba. Cómpre tomar medidas urxentes, sobre todo, nun lugar como Galicia, que «carece dun sistema produtivo o suficientemente atractivo para que isto mude nun futuro», para que os da casa non teñan que marchar e os de fóra veñan. Porque non é cousa nova, é algo que sucede desde os 80. «Non hai reposición poboacional, andamos moi lonxe deses 2,1 fillos por parella que se precisan», lamentaba.

Ocorre isto ademais, razoaba Beramendi, nun tempo en que a xente non está nas mellores condicións para enfrontar esta caída da poboación. E denunciaba a precarización crecente, neste século XXI, do mercado laboral, especialmente para os xoves, «froito dunha depreciación bestial que promoveu o capitalismo aproveitando crises como a do ladrillo». Asomaban entón as raíces marxistas daquela estrema esquerda revolucionaria na que o profesor militara de mozo.