O Museo do Pobo, a súa segunda casa, despide a Justo Beramendi

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Familia, amigos, achegados e representantes da cultura despediron a Justo Beramendi no Museo do Pobo Galego. Na imaxe, momento da saída da comitiva fúnebre.
Familia, amigos, achegados e representantes da cultura despediron a Justo Beramendi no Museo do Pobo Galego. Na imaxe, momento da saída da comitiva fúnebre. PACO RODRÍGUEZ

A institución acolleu un emotivo acto civil en homenaxe ao seu cofundador

05 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén que ame a cultura galega puido evitar un sentimento de tristura polo pasamento de Justo Beramendi (1941-2024). E as persoas que o coñeceron porque traballaron a reo con el na andaina para fundar o Museo do Pobo Galego, as que o tiveron como profesor na Universidade de Santiago e as que a vida lles regalou a posibilidade de coñecelo tamén botan en falta ao home.

Unha representación da Galicia que o coñeceu de preto, á que lle deixa unha herdanza de investigación histórica e milleiros de anécdotas e citas, acompañou a súa familia nunha sentida homenaxe no auditorio do Museo do Pobo Galego, reservado onte para que o finado galeguista puidese ser despedido na súa segunda casa, como o propio Beramendi e os seus admitían abertamente.

Concha Losada, presidenta do museo, que o substituíu no cargo cando no 2022 el renunciou a continuar, abriu as honras cívicas xunto ao seu cadaleito, cuberto con flores brancas e a bandeira galega. Losada lembrouno como un «home que sempre tiña os deberes feitos, un galego de elección». Tamén destacou a súa «xenerosidade por recoñecer e alegrarse dos pequenos éxitos da casa, viñesen de onde viñesen», e todo isto, engadiu, cun xeito de «traballar moi duro e moi ben». «Axudounos ata a súa despedida», recoñeceu a presidenta, que diante da súa familia destacou que Justo falaba da institución que cofundou como «o seu terceiro fillo».

O primeiro, Pablo Beramendi, que herdou a súa vocación docente e investigadora, desvelou unha faceta do seu pai descoñecida para moitos, a dun poeta tímido coa súa obra. Esta ocultación non era a única da súa personalidade, xa que o definiu como un pai e un avó que, sen conseguilo, «facía moitos esforzos para agochar a súa tenrura», mentres que na súa traxectoria intelectual amosaba «independencia e xenerosidade» compatibles cunha «timidez social».

O máis noviño dos Beramendi, o seu neto Mario, non falou nin do galeguista nin do prestixioso historiador recoñecido, entre outros, co premio nacional de Ensayo, a medalla Castelao e a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego. Lembrou a un avó que nunca deixou de traballar e de coidalos, e que lles dicía que xa estaba en tempo de desconto.

O son dunha gaita e o himno galego déronlle magna solemnidade á despedida a Justo Beramendi.