Os escritores Álvaro Cunqueiro e Francisco Fernández del Riego gustaban de subir desde Mondoñedo á Pastoriza luguesa para visitar o nacemento do Miño na lagoa de Fonmiñá (antes de que este dato finalmente cambiara polo da fermosa morrena glaciar do Pedregal de Irimia, no monte de Meira).
A ruta dos dous escritores incluía outras historias sobre as que curioseaban. Así lles sucedía coa parroquia de Bretoña, que fora diocese de Britonia, de onde era orixinario o bispo Mailoc, asinante dos concilios galaicos de Lugo (ano 569) e Braga (572). Un espazo parroquial ateigado dun moi singular pasado nunca de todo explorado, pero que parece ter a súa orixe coa chegada masiva ó norte de Galicia de refuxiados celto-britóns procedentes das illas Británicas, logo da invasión anglosaxona. Esta diocese sería, ó cabo, substituída pola de Mondoñedo na segunda metade do século IX.
Cunqueiro e Del Riego adoitaban xantar na casa de Melle, en Loboso, onde o gran escritor de Mondoñedo se inspirou para escribir un dos seus contos máis fermosos. Menos singulares foron as súas entradas polas parroquias de Cadavedo e Lagoa, tamén na Pastoriza, onde só coñecían a casa dun cacique mindoniense no barrio de Gasalla.
Noutra dirección, Cunqueiro tiña paixón polo porto pesqueiro de Foz e a súa contorna, que hoxe ten configurado un destino turístico de verán moi principal. Aí Cunqueiro asomaba a outros espazos recheos dun pasado histórico, sobre o que el indagaba e tamén fantasiaba. Porque, por riba do mar, seguía a imaxinar as guerras que en Inglaterra libraran os antepasados celtas contra os anglosaxóns.
Tería que chegar a etapa viguesa de Cunqueiro para que se esvaeceran as súas camiñadas pola Pastoriza, concello limítrofe co seu Mondoñedo natal. Porén, cada vez que eu falaba con el, sempre asomaba unha listaxe de topónimos que parecía paladear e sobre os que apuntalaba a súa memoria dun tempo que se lle figuraba máxico. Un tempo sobre o que medraban as súas lembranzas e tamén a creación literaria, cando o Miño terminaba o seu percorrido acariñando a provincia de Pontevedra, preto do seu Vigo final.