Un cura milagreiro

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

14 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Era de Mondoñedo, chamábase Francisco Fanego Losada (1887-1974) e foi profesor de latín, durante 52 anos, no ilustre Seminario mindoniense, onde foron alumnos seus dous lucenses que, anos despois, serían eminentes latinistas: Xosé Crecente Vega (1896-1948) e Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). Que se saiba, don Francisco Fanego non fixo ningún dos milagres que abundan nas biografías dos santos (sandar doentes graves, salvar dunha morte anunciada...); outros foron os seus milagres, un deles digno de figurar nos anais da filoloxía universal.

O profesor Fanego exercía a súa docencia na planta baixa do seminario, e era frecuente que, nos días de mercado, as súas palabras chegasen ás xentes que, na praza, vendían e mercaban cestas de carbón, feixes de palla e cazolos de barro. Sábese que non só as oían e escoitaban (sic) senón que tales palabras condicionaban o comportamento non mercantil das xentes da praza, ás veces embobadas ante un verso de Virxilio ou unha secuencia de Cicerón. Cóntao Álvaro Cunqueiro e conta tamén que, cando o profesor Fanego saía do seminario e cruzaba a praza, «os carboeiros levaban respectuosamente as mans tiznadas ás súas puchas». Non omite o cronista do milagre (o milagre das «divinas palabras», que diría Valle-Inclán) que el, de moi novo, asido ás reixas dunha fiestra, asistira, ás veces, «encantado», ás clases de don Francisco.

Que Álvaro Cunqueiro quedou engaiolado polo maxisterio latino do profesor Fanego próbao o feito de que lle dedicou, entre 1963 e 1980, cinco textos: dous artigos nun xornal vigués, un conmovente obituario nunha revista de Barcelona, un discurso académico e unha entrevista. Cunqueiro percibía na prédica cotiá do singular latinista un produtor de «divinas palabras», tema que abordei, hai días, en Mondoñedo, nas magníficas xornadas cunqueirianas que organizou a Universidade de Santiago de Compostela coa dirección do profesor Armando Requeixo. Titulouse a conferencia, a inaugural do simposio, O latín, como «divinas palabras», na vida e na obra de Álvaro Cunqueiro. A versión anotada e ilustrada foi publicada na fermosa colección Selva de Esmelle.