O31 de outubro pola noitiña ía colle-la bici para ir para a miña casa na aldea, pero tiña unha roda picada: «Diaño de bici, teño que ir andando!». Aló me vexo eu camiñando por unha pista de terra rodeada de rebolas e castiñeiros, e alí arriba, no ceo, a lúa chea como única compañeira. De súpeto, oíuse un tremendo estrondo ao bateren as ás os paxaros que durmían nas árbores. Cravei os pés na terra ao ver unha criatura estraña diante de min. Silenciosamente escondinme nunha caroca dun castiñeiro e dende alí puiden ver unha besta cunha longa pelaxe branca cincenta que coa luz da lúa tornaba da cor da prata. Orellas agudas, enormes ollos verdes que alumaban coma dous candís, fociño cuberto de sangue que lle escorría pola pelaxe do pescozo e grandes dentes afiados. Sentín un calafrío no corpo enteiro e non me movín. Semellante animal feroz debeu oírme respirar, que se virou cara a atrás mirando con aqueles ollos sanguinarios. Puiden escapar da súa mirada. Aquela criatura salvaxe seguiu camiño arriba. Entroume curiosidade de ir tras dela. Con moito coidado de non ser vista, seguina.
Chegando a Lama da Vila, vin que corría ata unha casa vella, co fociño empuxou a porta e entrou naquela palleira suavemente iluminada pola luz dun facho na parede. A porta pechouse. Interesada en saber o que estaba a ocorrer alí dentro, propúxenme mirar polo buraco da pechadura, momento no cal se abriu a porta e a loba saltou riba de min, mordéndome esta orella ata facela sangrar para zugar todo o sangue. Sentín perder forzas, e a loba deixoume caer riba dunha paca de palla.
Vin como despois de relamber o sangue do fociño empezou a desprenderse da pelaxe, e debaixo dela apareceu unha loura nena fermosísima de longo cabelo por debaixo do lombo e bonitos ollos verdes, que colleu un peite e, sentada nun tallo, púxose a peitearse mirándose nun espello de man. Unha vez que rematou, marchou camiño abaixo deixando unha néboa brillante tras dela. A Loba da Fada desfixérase do feitizo. Pero o que vós non sabedes é que o meigallo téñoo eu agora e que o próximo 31 de outubro intentarei desfacerme del.