O ritual dos sábados á tarde

Mónica Fraga

CULTURA

17 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado pola tarde. Toca baño! Toda a semana agardando por este sublime momento de dedicación á limpeza. Ben, quen di momento di un par de horas, que despois de sete días muxindo as vacas, indo á herba, sachando na horta, apañando un rego de patacas para que túa avoa me fixese unha tortilliña para xantar... Boa falta facía estar a remollo para que a camisa dos domingos lle acaese ben ao corpo.

A iso das seis da tarde, despois de botar un sono, coa bañeira chea de auga ben quente, alí nos metiamos túa avoa e máis eu, coa porta fechada, inda que na casa non houbese ninguén máis. Que xa houbo xente, e era o mesmo. Que ese tempo naquel cuarto de baño non houbo nunca ninguén que nolo quitase.

Porque o dos sábados era máis ca lavar o corpo. O dos sábados era tamén, e sobre todo, agarimar a pel, empachar os sentidos e mimar o espírito.

Duns anos a esta parte, eu esmerábame moito ao lavarlle os pés, que ela xa non podía. Ao primeiro sacáballos da bañeira mentres tiña o resto do corpo metidiño na auga quente, e laváballos con tino, devagar, que non por facer as cousas a correr saen mellor. Ultimamente, co demo da ducha, que fríos sentía os pés naquela porcelana pola que a auga caía sen paraxe.

Que canso era estar alí erguida, coa auga morna esvarando por riba dela, case magoando a súa pel. Houbo que enxeñar algo, así que dei en sentala nunha banqueta, cos peíños afundidos nun barreño cheo de auga ben quente, onde agardaban as miñas mans que, máis ca lavalos, os aloumiñaban.

Empezaba sempre polo dereito, que para iso sempre fora ela moi maniática. Apoiaba o seu talón na miña man esquerda e, coa outra, percorría amodiño o seu peito do pé, dende o nocello ata as dedas. Cortáballe e limáballe as unllas con coidado, unha a unha, que, se non, as medias se lle enganchaban. Seguía despois pola ponte do pé ata o calcañar, facéndolle cóxegas coma cando eramos novos. Inda teño aquel riso metido no sentido… Os sábados á tarde, o mundo fóra daquelas catro paredes non era o noso. E dentro delas non cabía ninguén máis. Só nós os dous.