
Acabo de ler con asombro, e sen sorpresa, un libro de Francisco Rico (1942-2024), voz orixinal e cultísima, en unánime opinión, entre os grandes cultivadores da filoloxía na Europa das últimas décadas. De filoloxía vai este volume de 277 páxinas que se titula Una larga lealtad. Filólogos y afines (Barcelona, Acantilado, 2022).
Son 43 retratos de filólogos (ou afíns) aos que, dun xeito ou doutro, o autor tratou, pouco ou moito, e aos que lles debe lealdade, tal como reza o título. Máis que un libro é unha colectánea protagonizada por cultivadores da filoloxía sobre os que Francisco Rico foi escribindo, desde 1964 a 2016, co gallo da publicación dun traballo, dunha homenaxe, da defunción...
En 1964, Rico, con só 22 anos, escribe un artigo sobre Menéndez Pidal que é unha afervoada loa dun informadísimo erudito. Lembra nesas páxinas que foi, en opinión dun «discípulo genial, Amado Alonso», o «gran señor de la filología». É mágoa que Rico non escribise sobre o xenial Amado Alonso (1896-1952), aínda que o cita en varios capítulos, nomeadamente no dedicado, con entregada admiración, a María Rosa Lida (1910-1962), sobre a que eu, non menos admirador, escribín, no Lugo do 62, unha nota necrolóxica. Rico, nese artigo, revela que se formou á beira de Amado Alonso, «su gran maestro y acaso su gran pasión voluntariamente ignorada», xuízo de quen, ademais de sabio nos mesteres filolóxicos, sempre foi un enfant terrible.
Dos 43 capítulos, só dous se refiren a mulleres: María Rosa Lida e Inés Fernández Ordóñez (co gallo do seu ingreso na RAE). Predominan os filólogos españois, entre eles, Rafael Lapesa, Dámaso Alonso, Lázaro Carreter e Darío Villanueva, «un humanista para la Academia», e non escasean os italianos (Aurelio Roncaglia, Cesare Segre, Marco Santagata...). Non se esqueza que Rico é unha autoridade en Petrarca.
Este libro, no seu xénero, é un devocionario para filólogos e afíns: un devocionario que debe acompañar a filólogos e afíns nas viaxes, nas vacacións e nesas horas nas que cómpre beber na fonte limpa dos que fixeron da filo-loxía («amor á palabra») un saber científico.