Manuel Rivas zúgalle á novela negra o néctar máis agre en «Tras do Ceo»

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor, xornalista e académico Manuel Rivas (A Coruña, 1957).
O escritor, xornalista e académico Manuel Rivas (A Coruña, 1957). Basilio Bello

A nova obra do escritor coruñés, que xa chegou ás librarías, integra «un proxecto literario sobre a depredación social e natural», avanza a editora

13 sep 2024 . Actualizado a las 14:04 h.

Vai para dez anos. Había tempo que o lector afiaba cairo. Que andaba a facer Manuel Rivas? Onde se metía? Apenas aqueles contos de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018). E desde O último día de Terranova (2015) non había noticia de novela! Pois ben, aquí está. Tras do Ceo xa chegou ás librarías, unha vez máis grazas ao selo vigués Xerais. E nesta narración Rivas zúgalle á novela negra o seu néctar máis agre.

A nova obra do autor coruñés integra «un proxecto literario sobre a depredación social e natural», segundo avanza a editora. El, por se acaso, xa advirte das súas ambiciosas intencións na cita que abre o libro: «Unha novela negra é aquela que ten no seu corazón un feito criminal que xera unha investigación. O que ocorre é que unha boa novela negra investiga algo máis que quen matou ou quen cometeu o delito, investiga a sociedade na que os feitos se producen. Comeza contando un crime e remata contando como é esa sociedade», unha atinada reflexión debida ao escritor hispano-mexicano Paco Ignacio Taibo II, que durante tantos anos dirixiu con man mestra a Semana Negra de Xixón.

Non é o xénero negro territorio ignoto para Manuel Rivas. Naqueles contos de Oeste había noir, como tamén en Todo é silencio (2010) e mesmo nunha das súas primeiras obras, Os comedores de patacas (1991), que daba conta da peripecia do adolescente toxicómano Sam.

Pero agora, con Tras do Ceo, a súa inmersión na novela negra é se cadra máis radical, sen pararse en adobíos, para lanzar así un proxecto narrativo que ten por fondo a caza do home polo home. A trama —detalla Xerais— transcorre nun entorno rural, coa aldea de Tras do Ceo como epicentro. Unha cuadrilla de cazadores, urbanos e con relacións de amizade e negocios, participa nunha batida na que o obxectivo é O Solitario, un lendario porco bravo, considerado moi perigoso, ao que se lle atribúe unha morte e ataques a participantes noutras cazarías.

Na paisaxe agreste da batida, aparecen dúas mulleres sendeiristas —nai e filla— nun momento en que enfrontan unha situación de risco, polo que os cazadores acoden no seu auxilio. Porén, o que comeza como unha conversa informativa e amábel irá derivando nunha tensa discusión sobre a caza e outros asuntos da vida, ata chegar a un punto de moita violencia verbal. As mulleres, abraiadas, deciden fuxir.

«Dombodán, o máis novo da cuadrilla e o único que é natural de Tras do Ceo, vai narrando os feitos que se suceden nunha xornada trepidante. E faino cunha ollada propia, que perturba e engaiola a un tempo, levando o lector da comedia ao inferno», segundo anota a editora.

Sobre esa convivencia vibrante entre a argallada e a atrocidade pon o foco Rivas, que aproveita o relato para abordar cuestións como o ecoloxismo, o abandono do medio rural, a violencia, o machismo e o abuso de poder. Tras do Ceo é unha novela salvaxe, traballada sen edulcorantes. É ademais unha historia que fala sobre a extinción das especies, pero tamén do humor, que Rivas presenta por momentos coma un mecanismo que serve á contención da violencia e sempre como expresión de liberdade.

A presentación da nova novela celebrarase o vindeiro mércores na libraría Cronopios, en Santiago.