Non son experto, e ben que o sinto, en masonería, tema que aínda hoxe suscita inquedanzas estrañas en moitos. O meu interese pola cuestión é tamén profesional, pois voces importantes das Letras galegas militaron na masonería (Manuel Curros Enríquez, Manuel Leiras Pulpeiro, Uxío Carré Aldao, Luís Seoane...). Lin, no seu día, o libro de Alberto Valín Fernández Galicia y la masonería en el siglo XIX (Ediciós do Castro, 1991), que lle editou Isaac Díaz Pardo, un conspirador que non foi masón, como o seu amigo Seoane, que o foi por un brevísimo período. Non sei se foi conspirador, pero foi masón, o pai de Díaz Pardo, o pintor Camilo Díaz Baliño, morto polo ferro irado no verán de 1936.
Achégome hoxe a esta cuestión porque acabo de escribir un breve prólogo para un traballo inédito de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (1961-2018), non alleo a este tema. Ela, que non era masonóloga, descubriu, hai algún tempo, unha especie de prospecto de 1870 no que varias persoas dialogan sobre a masonería santiaguesa: dialogan uns en castelán (os de condición social máis alta) e outros en galego, ás veces un pouco estraño. Este coloquio, e a investigadora sabíao moi ben, pertence a un xénero non infrecuente no acontecer literario de Galicia desde comezos do XIX. Este coloquio bilingüe, antimasónico, ten, ademais, interese filolóxico.
Isto levoume ó vello libro de Alberto Valín, que Victoria Álvarez coñecía ben e tiña moi subliñado, e tamén a un volume do mesmo especialista que ela xa non alcanzou: Masonería y conspiración liberal en España, publicado no presente ano por Editorial Masónica (Oviedo). Non podo deixar de manifestar o meu asombro ante esta investigación de medio millar de páxinas nas que o protagonismo teno Galicia, nomeadamente A Coruña, sede, en 1814, da Logia Constitucional de la Reunión Española, tan singular que se definiu, sendo clandestina, como política e internacionalista.
En futuros estudos terá que incorporar o profesor Valín, ó seu inmenso saber e á súa orixinalidade, a achega histórico-literaria de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda que, desde o día 23 de setembro do 2018, dorme fóra.