Niño de Elche explora os seus lindes flamencos con Sumrrá no festival Maré

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Niño de Elche, cantando no ciclo Os Xoves de Códax o pasado xullo co trío Sumrrá: Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e Luis Alberto Rodríguez, «LAR», Legido (batería).
Niño de Elche, cantando no ciclo Os Xoves de Códax o pasado xullo co trío Sumrrá: Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e Luis Alberto Rodríguez, «LAR», Legido (batería). Mónica Irago

O cantor alacantino actúa co trío de jazz galego este mércores en Santiago na Sala Capitol

24 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sumrrá e mais Niño de Elche. É unha das propostas musicais máis suxestivas que se poida atopar na Península. Encrechando o rizo. O cantor alacantino rachou os lindes do flamenco con ferramentas como a electrónica e a poesía. Colaborou con todo tipo de creadores, C. Tangana, Los Planetas, Raül Refree, Rosalía, Guitarricadelafuente, Angélica Liddell... E segue nesa exploración, agora, da man do veterano trío de jazz galego que integran Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e Luis Alberto Rodríguez, LAR, Legido (batería), unha das formacións máis inquedas do panorama actual. Levan feito un bo número de concertos nunha xira na que recalaron no Salnés (no ciclo Os Xoves de Códax) en xullo, mes no que pasaron polo Festival JazzCádiz e polo Festival de Jazz de Vitoria, entre outros.

Francisco Contreras Molina (Elx, 1985) ten unha relación tensa cos puristas do flamenco, pero quen precisa gardiáns da heterodoxia? Incluso cando se equivoca, o ilicitano vai deitando fermosas flores sobre o barro e a ganga industrial. O seu poderoso chorro de voz —desgarradora ata a estridencia— casa ben coa libérrima filosofía de Sumrrá, esa que representa ás marabillas a tolemia e o humor que abrollan do imaxinativo percutir de LAR Legido, o batería, investigador sonoro e profesor valisoletano que deseguida cumprirá trinta anos instalado en Compostela. Esta harmónica confluencia entre norte e sur incluso deu paso —como non— á vida e o verso de Rosalía de Castro, moi conectados co ton vindicativo e social da voz e o berro de Niño de Elche. Entre tanta dor e tanta ferida quedará tamén a beleza, irrompendo afouta.

Imaxe de estudio promocional do novo proxecto de Albert Pla, a formación Pla & The Surprise Band.
Imaxe de estudio promocional do novo proxecto de Albert Pla, a formación Pla & The Surprise Band.

Sumrrá & Niño de Elche é un dos pratos fortes do festival Maré. O seu concerto abrirá este mércores —ás 20.30 horas, na sala santiaguesa Capitol— un programa que ofrece numerosos atractivos, como o novo proxecto de Albert Pla, o grupo The Surprise Band, unha explosión rumbeira que puxo en marcha no 2023, en parte, para festexar os 25 anos da publicación do seu álbum Veintegenarios en Alburquerque. Trátase dunha formación montada ao redor do guitarrista flamenco —e vello escudeiro do cantautor de Sabadell— Diego Cortés e Judit Farrés —parella sentimental de Pla e colaboradora habitual, aos teclados e os samplers—, Sara Sambola, Cristina López e Ana Brenes —La Prenda Roja, aos coros e as palmas— e, como bailarina, Belén Martí Lluch. Albert Pla & The Surprise Band actuarán este xoves ás 21.30 horas tamén na sala Capitol.

Pero o cartel non queda aí. SÉS Trío, Aluminé Guerrero, Ana Lua Caiano, Faia, Delahuerta, Puuluup, Lydia Botana, Alana, Laura Itandehui, A Pedreira, Francisco el Hombre son algúns dos artistas que pasarán polo Maré —que se celebra entre este mércores e o próximo domingo—, que acolle, ademais, accións especiais para os máis pequenos, o espectáculo Lá no Xepangara-A cultura africana em José Afonso, e un encontro poético na Igrexa da Universidade conducido por Peter Brea e que conta coa música de Laura LaMontagne e o verso de Séchu Sende e María Lado, e de dúas voces emerxentes: Alicia Inconclusa e Galego de Caracas.