O escultor foi o maior coleccionista de ruedas de afiar do mundo
26 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Acabo de saber que morreu Florencio de Arboiro, a quen todos coñeciamos como O Escultor. Con Florencio uniume unha amizade que durou toda a vida. El naceu a catro kilómetros da miña aldea, Quintela de Mazaira, e xuntos percorremos durante moito tempo as aldeas da comarca. El sempre andaba nos encoros e nos ríos na procura de cantazos e pezas de madeira que combinaba co latón que fundía compoñendo as súas marabillosas esculturas. Máis tarde escolmou e coleccionou historias e rodas de afiadores para conseguir un material único que repousa na súa casa de Arboiro, quizás agardando que algunha das institucións reúna nun centro de interpretación a cultura que nos legaron os afiadores. Sen dúbida el inspiroume para reconstruír as moitas historias que publiquei sobre estas persoas rexas e orgullosas que no pasado percorreron o mundo levando no lombo a súa industria ambulante.
Ademais, Florencio, non só nos legou fermosas esculturas relacionadas coa natureza e tamén coa dimensión máxica das meigas. Tamén traballou durante décadas no sanatorio de Toén como terapeuta ocupacional, un labor que sen dúbida foi reflexo dunha conciencia sensible e bondadosa. Cónstame que foi moi estimado e admirado por pacientes e colaboradores dese centro. Cómpre lembrar esta súa faceta nestes tempos nos que a atención e os coidados das persoas máis vulnerables é tan necesaria coma escasa.
Poucas palabras necesita un amigo para despedirse. Florencio foi unha desas persoas que na vida algúns temos o privilexio de coñecer e desfrutar, desas que dan moito máis do que reciben e que sempre están cando se lles necesita. En Galicia coñecémolas como boas e xenerosas, e con iso nos abonda para entender. Boa viaxe, Florencio. Até sempre.