Fillas de Cassandra pon música e voz ao calvario de Nevenka Fernández: «Imaxinabamos a ela cantándoa cando a facíamos»

CULTURA

O dúo vigués estreou onte o tema central da película de Icíar Bollaín que mañá chega aos cines. «Queremos pensar que a vergoña está cambiando de bando, como pedía Gisèle Pelicot», di Sara Faro
26 sep 2024 . Actualizado a las 14:15 h.Cando no ano 2001 estoupou o caso do acoso sexual a Nevenka Fernández por parte do alcalde de Ponferrada, Ismael Álvarez, Sara Faro nin sequera nacera. «Foi un ano antes de vir eu ao mundo», di. «Eu si que estaba xa, pero era moi pequena», apunta María Soa. As dúas forman Fillas de Cassandra. E, 23 anos despois de poñerse no xulgado a denuncia que terminou coa condena do político e a marcha ao estranxeiro da vítima, condensan nunha canción o que viviu en silencio aquela muller. Trátase de Cuando nadie ve, o tema central de Soy Nevenka, a película de Icíar Bollaín que chega ás salas de cinema mañá.
A súa participación no filme tivo moito de emoción. A que sentiu a directora cando as foi ver nun directo que daban na sala El Sol de Madrid. Lémbrao María: «Despois dos Mestre Mateo do ano pasado, Xavi Font [compositor de numerosas longametraxes e producións de televisión] veu falar con nós, dicindo que había un proxecto e que ía intentar a ver se había a posibilidade de traballar xuntos. E hóuboa. Cando fomos tocar a Madrid dixémoslle que fosen el e a directora para coñecernos». A conexión entre o que ocorría no escenario e o que percibía a cineasta foi instantánea. «Icíar dixo que esa enerxía era o que precisaba a película —engade Sara—. Concretamente, a da nosa canción Eco, que contiña todo o que buscaba: emoción, elegancia e tamén un impulso».
Explica María que a mirada de Fillas de Cassandra lle gustou especialmente á directora: «Nós falamos desde un feminismo xa asentado, máis ca unha loita superactiva. Contámolo así porque xa non pode ser doutro xeito e non hai opción a outra cousa». Visto desde esa perspectiva, unha historia como de Nevenka pódelles parecer dun tempo xa superado? «Gustaríanos pensar que forma parte da prehistoria —di Sara—, pero parecíanos que a historia ía moi na nosa liña de creación, porque incluso Acrópole [o seu primeiro disco] non deixa de falar do descrédito e de non ser consideradas as vítimas. Nese sentido, Nevenka non deixa de ser unha filla de Cassandra».
O tema contén versos escritos con fío de coitelo («La cama un coto a la caza reservada / Aquí todos miran pero nadie ve / Lloran a cada crujido del engranaje / Porque advierten el peligro de extinción») e, por primeira vez na historia do dúo, escritos en castelán. «Nós somos neofalantes, e para nós non hai que cuestionar nada á hora de cantar en galego. De feito, propuxemos que este tema fose en galego e iso foi o que fixo tremer a nosa decisión —admite María—. Queriamos facelo pola importancia do tema e a directora. Queriamos formar parte fose como fose, aínda que fose en chinés [ri]. Pero si que dixemos que queriamos meter uns versos en galego na peza. Iso forma parte da nosa identidade e queriamos que estivera aínda que fose como algo simbólico».
E aí xorde a conexión entre o caso Nevenka e o seu calvario coa imaxe clásica da negra sombra de Rosalía de Castro. «I en tódalas partes me buscas, i en todas me nombras / os flashes proxectan a forma dunha negra sombra», cantan nas liñas en galego da peza. «Incluímos o concepto de negra sombra, que é algo moi forte e moi vinculado á simboloxía de Galicia. Pero o caso de Nevenka non foi dentro de Galicia e non había reminiscencias da tradición galega na historia. Aí tivemos que ceder», engade Sara.
«Piel de pollo. Es la sensación de la peli hecha canción», dixo Nevenka cando a escoitou
Había algo de vertixe en Fillas de Cassandra cando se puxeron a traballar no tema. «É que a canción está escrita en primeira persoa, coma se fose a propia Nevenka a que falase —explica Sara—. Iso era unha grandísima responsabilidade. Había que escoller as palabras moi ben para non caer na revitimización, e para transmitir un halo esperanzador con esa forma que ten Nevenka». Por iso, os versos fluían cunha idea en mente: «Imaxinabamos a propia Nevenka cantándoa. Esa posibilidade remota ao final pasou, cando o outro día a coñecemos. Dixo que viñera no traxecto en coche ata San Sebastián escoitando o tema. Iso acrecenta aínda máis a emoción dunha canción que non vai sobre algo abstracto, senón que fala de algo real».
Antes dese encontro, María e Sara xa tiveran unha mensaxe que lles fixo clic no corazón. María búscaa no seu WhatsApp. Viña de parte de Icíar Bollain e dicía: «Piel de pollo. Le pega un montón. Es la sensación de la peli en una canción». Pero, despois, había outra liña: «De Nevenka, la de verdad». Nese momento, o peito das dúas converteuse nunha sesión de fogos de artificio. «É que aí dis: “Meu Deus, acaba de mandarlle Nevenka unha mensaxe a Icíar con isto”. Despois diso dáche todo igual, porque esa era a persoa coa que había que cumprir».
Esta canción súmase a moitas outras que nos últimos tempos sacan á superficie violencias ocultas. «Queremos pensar que a vergoña está cambiando de bando, como pedía Gisèle Pelicot», expón Sara. «Hai unha liberdade e unha necesidade de cantar desde unha óptica feminista por parte de todas», conclúe María.