Manuel Lourenzo, Marta Pazos e Pepe Barro, entre os premios da cultura galega

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Anxo Lorenzo, Manuel Reigosa, María Quintiana, Anxo Angueira, José López, Xosé Manuel Núñez Seixas, Lucía Carballeda, Kirenia Martínez, Henrique Monteagudo, María del Carmen Calviño e Maximino Zumalave, membros do xurado dos Premios da Cultura Galega 2024, no edificio Fontán do Gaiás.
Anxo Lorenzo, Manuel Reigosa, María Quintiana, Anxo Angueira, José López, Xosé Manuel Núñez Seixas, Lucía Carballeda, Kirenia Martínez, Henrique Monteagudo, María del Carmen Calviño e Maximino Zumalave, membros do xurado dos Premios da Cultura Galega 2024, no edificio Fontán do Gaiás.

Os galardóns da Xunta recoñecen, tamén, o labor de Kin Martínez, Julia Díaz Sixto, Xosé Manuel González, Ficción Producións e o Real Club Celta de Vigo

11 oct 2024 . Actualizado a las 21:13 h.

Os Premios da Cultura Galega 2024 recoñecen o labor do dramaturgo e actor Manuel Lourenzo, a escenógrafa Marta Pazos, o deseñador Pepe Barro, o promotor musical Kin Martínez, a compañía Ficción Producións, a xornalista Julia Díaz Sixto, o antropólogo Xosé Manuel González Reboredo, e o Real Club Celta de Vigo. Así o acordou o xurado reunido este venres no edificio Fontán do complexo compostelán do Gaiás nunha xuntanza presidida polo conselleiro de Cultura, José López Campos. Na mesa de debate destes galardóns —organizados pola Xunta— estaban tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; Henrique Monteagudo, académico numerario, en representación da Real Academia Galega; Xosé Manuel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral de Igualdade, María Quintiana; a subdirectora xeral de Arquivos e Bibliotecas, María del Carmen Calviño; o membro da Real Academia Galega de Belas Artes Maximino Zumalave; e profesionais de recoñecido prestixio, como Kirenia Martínez Acosta, xestora cultural, bailarina e coreógrafa; Lucía Carballeda Suárez, historiadora da arte e galerista; e Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Estes premios queren enxalzar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da cultura galega, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e a identidade de Galicia.

Autor de case trescentas pezas dramáticas, Manuel Lourenzo (O Valadouro, 1943) foi merecedor desta honra no campo das letras por unha vida ligada ao teatro como escritor, creador, profesor, teórico, actor e director. No 2022 publicouse a súa obra completa, en catro volumes que inclúen numerosos textos que ata entón eran inéditos. O premio en artes escénicas foi para Marta Pazos (Vigo, 1976), licenciada en Belas Artes e directora de escena, actriz e escenógrafa, unha das creadoras máis activas da vangarda escénica da península ibérica. Na categoría de artes visuais, a distinción recaeu no deseñador, ilustrador e escritor Pepe Barro (Pontedeume, 1955), cofundador do estudio Grupo Revisión, creador da identidade gráfica da Universidade da Coruña, a páxina web da Real Academia Galega e a concepción da camiseta da selección galega de fútbol, entre outros traballos. No ámbito da música, o premiado foi Kin Martínez, xestor cultural e director da promotora musical Esmerarte Industrias Creativas, con sedes en Vigo, Madrid e Cidade de México, e detrás de citas como O Son do Camiño e PortAmérica. Na categoría de lingua, o xurado premiou a ferrolá Julia Díaz Sixto, xornalista de longa traxectoria profesional en Ferrolterra, que comezou en Radio Popular e que desenvolveu especialmente en programas culturais e musicais. No apartado de patrimonio cultural, recibirá o recoñecemento Xosé Manuel González Reboredo (Lugo, 1946), discípulo de Fermín Bouza-Brey, antropólogo especializado na prehistoria e na etnografía de Galicia. No terreo audiovisual, o galardón sinala unha empresa do sector, Ficción Producións, que comezou a súa andaina en 2003 e produce contidos de ficción e de animación para os mercados nacional e internacional. E, en proxección exterior, o xurado distingue ao Real Club Celta de Vigo, que, para conmemorar o seu centenario no 2023, requiriu a colaboración do cantante C. Tangana para compoñer un himno, Oliveira de cen anos, que reflicte unha identidade e un anhelo profundo: é unha carta de amor a Galicia, que, ademais, conseguiu traspasar fronteiras.