O novo director do Museo do Pobo fixa como obxectivo achegalo «a todos os recunchos do país»
CULTURA
O coruñés Lois Ladra, que acaba de tomar posesión do cargo, tamén pretende estreitar vínculos con Portugal
15 oct 2024 . Actualizado a las 22:00 h.«Descentralizar o museo, facendo que chegue a todos os recunchos de Galicia, e fortalecer as relacións con Portugal e co mundo da lusofonía». Esas son dúas das liñas de traballo prioritarias que marca para o Museo do Pobo Galego o seu novo director, o antropólogo e arqueólogo Lois Ladra (A Coruña, 1972), que asumiu estas tarefas a principios de mes tomando o testemuño de Manuel Vilar, que se acaba de xubilar. «Nós o que queremos é crear un centro dinámico, activo, que teña un montón de actividades, que respondan a unha sociedade plural e intentando chegar a todos os sitios do país», resumiu.
O novo responsable da entidade museística amosou o seu interese por «por facer proxectos, desenvolver estudios, exposicións e mostras que itineren, de xeito que se poidan ver e gozar desde todos os recunchos». Nese senso, lembrou que o Museo do Pobo é a cabeceira simbólica de todos os museos antropolóxicos de Galicia e o obxectivo é contactar co resto. «Agardo que para o próximo ano teñamos xa os primeiros resultados», afirmou nun acto este martes arroupado pola presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada, e pola súa vicepresidenta, María Xosé Fernández. Entre as ideas que ten Ladra están as de reactivar o Instituto de Estudos das Identidade e o Consello Galego de Museos. En canto a estreitar lazos con Portugal, precisou que recentemente estivo nun congreso en Tras os Montes e contactou xa cun museo, «e hai interese por ambas partes en desenvolver proxectos en común».
Nas liñas de traballo, Lois Ladra tampouco se esquece das infraestruturas propias. Nese aspecto, lembrou a necesidade da reforma integral de todo o conxunto histórico de Bonaval, ante problemas de humidade e filtración. Trátase dunha actuación que vai moito máis alá de obras puntuais como a da pasarela para unir o edificio conventual coa ala sur. «Estou convencido que co Consorcio de Santiago se levará adiante», afirmou. Tamén aludiu á necesidade de apoios ante a «carencia acusada de recursos, tanto humanos como materiais. para afrontar todo tipo de proxectos». Ao respecto, afirmou que non chegan nin as dúas ducias de traballadores.
A presidenta do Padroado, Concha Losada, amosou o respaldo dos órganos do museo a Ladra para facer «desta casa unha institución ao servizo de todos os galegos» de xeito, ademais, «que non só garde o mellor da nosa tradición, senón que se incorpore ao futuro do país». Pola súa banda, Ladra explico que para el era un orgullo dirixir o Museo do Pobo, «que representa o mellor deste país». Nese senso, lembrou que «as grandes iniciativas de Galicia partiron da base, raras veces viñeron desde o poder. Aquí tedes unha proba máis de como a sociedade civil se pode organizar para crear un centro que sirva de referencia para todo o país».