Xa teño contado que durante un período da miña xuventude fun radioafeccionado de 27MHZ - banda cidadá. Unha frecuencia de radio na que se iniciaba todo aquel interesado no mundo das ondas e que era coma un campo de adestramento no que se forxaban excelentes profesionais da radio e do mundo da electrónica. Naquel tempo comezara cuns radio comandos cos que me agasallaran nuns reis e con eles din os meus primeiros pasos nas ondas hertzianas. Aquilo semellaba cousa máxica e a min, particularmente, provocábame unha grande emoción.
Non había emisoras comerciais á venda e cada quen tiña que se construír os seus aparellos de emisión e recepción. Eu xa era un gran afeccionado á electrónica, sabía mais ou menos algo de soldadura en placas e con teima, paciencia e pequenos aforros fun construíndo a miña propia estación de radio e tamén aquelas primeiras antenas que instalaba na terraza da miña casa. Contaba tamén ca santa paciencia dunha veciñanza marabillosa e implicada coas miñas argalladas. Anos máis tarde fun mercando algunhas emisoras comerciais americanas e perfeccionando a estación de radio ata que esa afección foi esmorecendo.
Co paso do tempo pese a deixar o mundo das ondas seguín sendo un ouvinte habitual das emisoras convencionais. O que se lle chama a maxia da radio estaba dentro de min. Un día, nos anos 90 propuxéronme facer un programa nunha coñecida emisora local na que botei uns cantos anos para logo pasar a outra e finalmente incorporarme ao equipo de colaboradores de Radio Voz Galicia onde xa levo máis de 20 anos programando as músicas que me gustan. Un verdadeiro luxo para min. Pois ben, hai pouco máis dunha semana andaba a pasear pola Coruña cando me crucei cun vello coñecido que me refrescou unha historia de radio que eu xa non lembraba. O seu irmán tamén era radioafeccionado na banda cidadá e ademais compartíamos gustos musicais. Naquel tempo mercáramos un pequeno emisor de FM coa que fixéramos algunhas emisións de música folk que non alcanzaban máis que o barrio no que vivíamos. Aquilo chamábase Radio cristal e durou tanto coma o alcance que tiña, é dicir nada. Pero que ben o pasábamos!