Leo Caldas continúa a súa feliz andaina

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O actor Carmelo Gómez, como Leo Caldas, durante a rodaxe do filme «La playa de los ahogados», no ano 2014.
O actor Carmelo Gómez, como Leo Caldas, durante a rodaxe do filme «La playa de los ahogados», no ano 2014. M. Moralejo

Os tres libros do detective creado por Domingo Villar suman 59 edicións en castelán e 35 impresións en galego. Siruela, selo que publica a súa obra en castelán, relanza as tres aventuras do policía -«Ojos de agua» (2006), «La playa de los ahogados» (2009) e «El último barco» (2019)- editadas de forma conxunta nunha caixa

01 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 18 de maio cumpríronse dous anos do pasamento do escritor vigués Domingo Villar (1971-2022), que marchou de forma inesperada deixándolles aos seus fieis lectores a triloxía do inspector Leo Caldas, a súa máxima creación literaria, e coa que acadou un lugar de privilexio no panorama da novela negra europea. Agora, Siruela, selo que publica a súa obra en castelán, en lembranza do seu talento e no recordo dun excelente narrador e dunha mellor persoa, relanza as tres aventuras do policía —Ojos de agua (2006), La playa de los ahogados (2009) e El último barco (2019)— editadas de forma conxunta nunha caixa. Algo terá que ver a proximidade das festas do Nadal, pero o ciclo noir de Caldas aínda mantén todo o seu atractivo. En castelán suma xa 59 edicións na rúa —25 a primeira historia, 22 a segunda e 14 a terceira—. As novelas apareceron simultaneamente en galego e castelán. Na lingua propia, a súa casa foi e é a editorial viguesa Galaxia, que acumula entre os tres títulos 35 impresións.

En Villar tan importante —ou máis— como a trama, nos seus libros, era a paisaxe galega, especialmente a da ría viguesa, e, sobre todo, a paisanaxe. O seu coñecemento da condición humana e o coidado que poñía na construción das súas criaturas converten as súas historias en ecosistemas, en hábitats aquelados, dotados para a vida, para unha vida lenta, gozosa da natureza, do pobo e das súas xentes. Non sorprende a ninguén que Leo Caldas continúe a súa feliz andaina.