As obras das escritoras foron recoñecidas na 18.ª edición dos galardóns, a primeira que divide o concurso nas categorías infantil e xuvenil
06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os premios Raíña Lupa, organizados pola Deputación da Coruña, celebraron a súa maioría de idade na 18.ª edición cunha novidade: por primeira vez as categorías infantil e xuvenil foron independentes —cunha dotación de 6.500 euros cada unha delas—, o que resultou en dúas obras premiadas. Terás que crela, de Érica Esmorís (A Coruña, 1977), venceu no apartado infantil, mentres que Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976) fixo o propio no xuvenil con Unha historia de amor como outra calquera.
«É unha satisfacción moi grande, porque vivir da literatura non é doado. Este tipo de recoñecementos, xa non só polo tema económico, que está moi ben, dan ganas de seguir escribindo. É unha maneira de coller impulso», sinala Esmorís. «Cada premio é diferente», apunta Rosa Aneiros, quen extrae unha conclusión inmediata e satisfactoria para si: «É a mostra de que sigo estando aí. De que a calidade do que fago segue gustando e de que, como o xurado non sabe de quen é a obra que valora, esta por si mesma, se defendeu e gañou. É un orgullo, porque significa que a historia paga a pena ser contada», engade.
Na súa infancia, Esmorís adoitaba ler os libros de Pippi Långstrump e, quizais por iso, as súas protagonistas «son un pouco parecidas a ela». Terás que crela é, en palabras da autora, «unha comedia cunha personaxe que é unha nena con moita imaxinación, pero á que todo o mundo chama mentireira. Ela di que non mente, que adapta a realidade. Con esta premisa, a nena métese nunha serie de leas e ten que darlle a volta a todo o que foi creando». Nesta historia, «hai maxia no cotiá» e polo seu humor e a potencia da voz protagonista foi que levou o premio, anota o fallo.
Como inspiración, Esmorís tivo as paisaxes de Irlanda, xa que a escribiu «de vacacións, nunha caravana, aparcando nun campo con cavalos, así que o que saíu foi algo moi amable e divertido».
O amor máis aló do romántico
A obra de Aneiros xoga coa idea do amor, alén da idea romántica: «É unha historia de amor á vida, á xente que nos rodea e á resistencia, pero ao final é unha historia de amor ás nais. Porque son eses seres que están aí e nunca pensamos no que renunciaron por nós, ou no que foi da súa vida».
O libro conta a relación entre unha nai, Olaia, que é unha científica de moito éxito destinada nunha base da Antártida, e a súa filla, Alba, «que sempre di que prefire a mamá, porque era con quen xogaba e coa que sentía unha empatía profunda, mentres que Olaia era a científica que lle roubaba a súa mamá. Trata dese diálogo imposible entre soños e afectos, entre amor e distancia e como nese difícil equilibrio vaise aprendendo a respectar o que é a outra persoa e a ser capaces de entender o que é o amor de verdade». A historia foi premiada polo seu contraste entre o mundo cotiá da adolescente e o mundo científico da Antártida, nunha obra áxil que explora as relacións interpersoais na familia e a conciencia ecolóxica. A inspiración para a autora veu dos seus múltiples intereses, como a paixón polas historias de exploradores como o irlandés Shackleton, un dos pioneiros da exploración antártica, ou unha viaxe a Ushuaia, no extremo sur da Arxentina, onde a autora quedou coa idea de que «ao outro lado estaba o gran continente xeado».
Aneiros tiña claro que quería contar a historia dunha científica, e esta comezou a tomar forma cando coñeceu a unhas investigadoras que traballaban nas bases españolas durante o verán antártico analizando un lique pola súa capacidade de adaptación para aprender del e que sirva «para ver a adaptabilidade do ser humano en momentos moi complexos da deriva climática. Aí vin que estaba a historia que quería contar».
Ambos libros sairán publicados previsiblemente no 2025.
«Necesítase o esforzo de toda a sociedade para comprender que a lingua que temos é un tesouro»
«A nivel creativo, estamos no mellor momento da historia. Pasa na cultura galega en xeral, tanto na música, como no cinema como nas series», razoa Rosa Aneiros. O problema da literatura galega infantil e xuvenil, prosegue, «é a recepción lingüística».
Segundo os datos publicados en outubro polo Instituto Galego de Estatística, o castelán é actualmente o idioma más utilizado na comunidade e un terzo dos rapaces menores de 15 anos non saben falar galego. «Os datos están aí e necesítase un esforzo das Administracións pero tamén de toda a sociedade para comprender que a lingua que temos é un tesouro, que é a maneira que temos de nomear o mundo e que non significa igual en ningún outro sitio. Esas palabras significan algo porque alguén, un pobo enteiro, decidiu que fora así».
Polo seu labor, a escritora adoita visitar centros educativos e en moitos deles dinlle que hai rapaces que non entenden o galego dos seus libros. «Paréceme unha pobreza inmensa. Pero os pais e nais confírmanmo e dinme: “O galego que empregas é complicado”. E non o é». Esta problemática tamén se observa, segundo ela, na literatura española, porque se está a «esixir un nivel terriblemente baixo no que os campos semánticos se reducen a 500 palabras. E os rapaces están nesa idade no momento de buscar no dicionario as palabras que non coñezan. Para iso é a literatura».
Érica Esmorís é máis optimista: «Os datos din que hai menos nenos e nenas que falan galego, pero eu visito bastantes coles e creo que hai motivos para a esperanza, para crer que o galego continuará coas novas xeracións. Todos temos unha responsabilidade de cara a eles», conclúe.