A grande viaxe divulgativa de Francisco Rodríguez tras a «real significación» de Rosalía de Castro

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O autor e o prologuista. Francisco Rodríguez, acompañado por Néstor Rego, como autor e como prologuista, respectivamente, na presentación do libro «Desvendando Rosalía e a súa obra» na sede da asociación cultural Alexandre Bóveda, na Coruña.
O autor e o prologuista. Francisco Rodríguez, acompañado por Néstor Rego, como autor e como prologuista, respectivamente, na presentación do libro «Desvendando Rosalía e a súa obra» na sede da asociación cultural Alexandre Bóveda, na Coruña. Eduardo Pérez

Co seu libro «Desvendando Rosalía e a súa obra», o estudoso quere poñer fin a «unha deturpación» que procura a apropiación de Rosalía, denuncia, para desgaleguizala, para amolecer o seu discurso cultural, social e político

10 nov 2024 . Actualizado a las 00:10 h.

O exdeputado nacionalista Francisco Rodríguez (Ferrol, 1945) presentou na sede da asociación cultural Alexandre Bóveda o seu libro Desvendando Rosalía e a súa obra, que recolle unha colección de artigos publicados polo tamén escritor, crítico literario e historiador en medios dixitais, xornais e publicacións especializadas, sempre co ánimo de facer chegar ao grande público unha outra imaxe da autora de Follas novas, e que son froito de anos de investigacións e análises rigorosas, fiel á realidade mais aínda hoxe non plenamente asumida, matiza a editora Tempo Galiza. O ensaio ten un carácter decididamente divulgativo, pero inserto na súa viaxe na busca da «real significación» de Rosalía e co ánimo de poñer fin a «unha deturpación» que procura a apropiación de Rosalía para desgaleguizala, para amolecer o seu discurso cultural, social e político, da que non foi alleo o franquismo, subliña Néstor Rego, que, como prologuista do libro, acompañou ao seu colega no encontro.

Apoiado por Rego —quen ademais o releva agora nas condicións de deputado do BNG en Madrid e secretario xeral da UPG—, Rodríguez falou dunha Rosalía pioneira non só na escrita en galego, mais tamén profundamente achegada ás clases populares e as mulleres, especialmente as labregas. A poeta foi unha muller galega, subliñou, que se identificou coa súa patria e que nunca desertou da causa de Galicia, unha idea de desapego que moitas veces se quixo impoñer.

Unha tese na que incidiu Rego, que quixo pór en valor as virtudes como afouta feminista e patriota da escritora, unha nacionalista avant la lettre, dixo. Rego situou ao ensaísta ferrolán como unha referencia no coñecemento de Rosalía, que, ademais, incidiu, marcou unha mudanza de rumbo na visión académica e social da figura e da obra rosaliana a partir da súa tese universitaria.

Doutor en Filoloxía Románica, Rodríguez ten posto o seu labor analítico e a súa rigorosidade ao servizo dun obxectivo, a restauración da figura e da obra de Rosalía, tarefa na que conflúen achegas como os traballos anteriores Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988), resultado da súa tese de doutoramento —a primeira presentada na comunidade dedicada á padronesa—, e Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (2011).

Muller independente

Rodríguez enxalzou a loita de Rosalía por ser unha muller independente, mediante o seu traballo, por sacar adiante a súa escrita —e que tivera unha recepción que non acadou—, da que, por certo, dependía o sustento da súa familia. E quixo remarcar o titánico esforzo —«a súa cerna patriótica, á que nunca renunciou»— que mantivo Rosalía por erguer unha literatura para un país, por convencer a todos de que o galego era unha lingua de cultura —alén da súa diglosia oral, produto dunha época—. Tamén a resposta agresiva e hostil que en moitas ocasións tivo lamentablemente que enfrontar.

O autor concluíu cun chamado firme e persuasivo á lectura de Rosalía, un exercicio no que, asegura, el, despois de tantos anos, segue a atopar aínda novos brillos, matices, significados e descubertas na profundidade e complexidade da obra rosaliana.