Está por facer un estudo sobre a relación literaria entre Antón Tovar (1921 - 2004) e Carlos Casares (1941 - 2002), escritores das terras da Limia que se trataron moito e que se leron con devoción. O día 8, en Xinzo de Limia, celebrouse un achegamento protagonizado por dous profesores (Delfín Caseiro, X. Alonso Montero) e unha profesora (Rochi Nóvoa) no que se manexaron textos moi acaídos para establecer esta afervoada relación literaria. Abriu a sesión Gustavo A. Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares.
Casares, devoto e sensible letraferido, proclamou en varios artigos que o primeiro libro de Antón Tovar, El tren y las cosas (1960), fora fundamental na súa formación como lector de poesía con afirmacións como estas dúas: «…eses versos acenderon en min unha afección á lectura poética que non se apagará…» (1974); «… lin [o libro] tantas veces que cheguei a aprendelo de memoria» (2001). Quizais hai hipérbole nesta última declaración, pero non a hai noutra do mesmo ano: «Nunca entendín como non figura nun lugar de honor do panorama da poesía española contemporánea», valoración coa que estou plenamente de acordo e supoño que o estaría Álvaro Cunqueiro cando, en 1960, dicía: «Se puede rezar con algunos poemas suyos» onde hai versos «que oyó uno, acaso, en Shakespeare» (La Noche). Tamén estou de acordo con Casares cando afirma que Tovar «é un dos mellores poetas galegos do século XX» (1981). Comentaba o autor, nesta reseña, o libro Calados esconxuros (1980).
Nas cartas de Antón Tovar a Carlos Casares hai gabanzas superlativas do poeta ao narrador, nunha das cales chega a dicir que a mellor novela galega daqueles anos, despois d’A esmorga de Eduardo Blanco-Amor (1959), era Os mortos daquel verán (1987). Por certo, o epistolario entre os dous escritores será publicado, con outros textos, pola Fundación Carlos Casares. Os letraferidos baterán con páxinas esclarecedoras. Non sei se aparecerá, entre os papeis de Tovar, a carta, chea de gabanzas, que Vicente Aleixandre lle enviou falándolle do insólito lirismo de El tren y las cosas. Coñecémola por un resumo de Víctor Campio.