Centenario de Viqueira

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

01 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Johán Vicente Viqueira faleceu, con 38 anos, o 28 de agosto de 1924, cando estaba no fulgor da súa actividade intelectual. Aínda así, deixou páxinas moi valiosas como filósofo, pedagogo, poeta, tradutor e teorizador político, o máis moderno, ao meu ver, das Irmandades da Fala do seu tempo. Transcorridos seis anos do seu pasamento, en 1930, a editorial Nós publicou unha especie de antoloxía da súa obra co título Ensayos y poesías, que acollía textos en galego e en castelán, entre eles o titulado Nacionalismo e socialismo, un artigo bastante breve sobre o que paga a pena debruzarse. Pola miña parte, hai moitos anos que o fixen.

O ensaísta comeza afirmando que «non se poden contrapór» nacionalismo e socialismo e mesmo chega a suxerir que «o segundo é probablemente un aspecto do primeiro», tendo en conta que «Nacionalismo é irmandade na patria» (subliño a palabra irmandade, do que se esqueceu Viqueira ou o impresor). Decontado, o ilustre ensaísta, non nos sorprende con estas dúas preguntas: «Mais ¿cómo sintindo a ideal comunidade de patria, pódese tolerar que haja ciudadáns de dúas clás, os probes e esfameados e os ricos e privilegiados? ¿Como non sentir nojo en que para uns sejan todos os bens da vida e para outros nada?» Formuladas as preguntas, o autor conclúe: «O nacionalismo non ve máis que irmáns na patria e el quere que todo o ben común pártase entre todos. O nacionalismo é o santo calor, pai do socialismo». Trátase dun artigo no que se emiten postulados marxistas pero sen citar a Marx; postulados —cómpre subliñalo— feitos desde o seu ideario nacionalista, non desde premisas estritamente socialistas. Ignoro que acollida lle brindaron as voces egrexias das Irmandades da Fala (V. Risco, Otero Pedrayo...). En calquera caso, cumpría exhumar tan sorprendente artigo, xa centenario.

O inxente labor intelectual de Viqueira, como profesor e escritor, realizouno, na súa breve biografía, en condicións moi adversas, vítima dunha doenza, desde novo, que só unha vontade moi rexa podía afrontar. Os seus biógrafos terán que telo en conta para unha xusta valoración da súa obra.