Hai medio século que nos deixou aquel singular filólogo chamado Aníbal Otero Álvarez (1911-1974). Faleceu en Barcia (Ribeira de Piquín, Lugo), a súa aldea natal, cando acababa de cumprir 63 anos. Eu publiquei un libro sobre el, na editorial Galaxia, en 2011, co título Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, título que non é nada esaxerado, pois, naquelas calendas, ser lingüista era unha profesión de risco. El foi quen investigou con rigor as 53 localidades galegas para o Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI), obra de 11 volumes da que só se publicou, en 1962, o primeiro, asunto non alleo á política. Nese labor Otero puxo a súa pericia de fonetista para rexistrar os matices fónicos de palabras significativas, seguindo o criterio, en Madrid, no Centro de Estudios Históricos, de Menéndez Pidal e Tomás Navarro Tomás, o auténtico director do ALPI.
O mesmo fixo, en xullo de 1936, no norte de Portugal, xa comezada a Guerra dos Tres Anos. Nesas datas e nese territorio, do Portugal salazarista, Otero apuntaba, co rigor do fonetista, voces enxebres que proferían os «camponeses» portugueses desas localidades e facíao no alfabeto fonético ideado en 1914 pola Revista de Filología Española (Madrid). Aquí comezou a traxedia: as autoridades lusas, profranquistas, viron naquel investigador da fala real das xentes do norte portugués, un espía ao servizo da República Española do Frente Popular, «espía» que entregaron ás novas autoridades galegas de Tui, en certo modo un secuestro.
Foi moi difícil desmontar a teoría da espionaxe. Otero foi condenado a cinco anos de prisión (1936-1941) por un tribunal militar no que o vogal ponente era Ramón Rivero de Aguilar, o fiscal do xuízo contra Alexandre Bóveda. Otero saíu tocado para sempre, e aínda así redactou na aldea, case sen bibliografía, importantes estudos lexicográficos.
Agora temos a obriga de examinar as súas grandes achegas como fonetista, lexicógrafo e dialectólogo, achegas, por certo, dun intelectual que quixo, moi sinceramente, ser poeta, inclinación que manifestou en varias ocasións.