Cultura do exceso, exceso da cultura

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

Muchos negocios aprovechan el tirón del Black Friday para estirar los descuentos
Muchos negocios aprovechan el tirón del Black Friday para estirar los descuentos MARCOS CREO

16 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiven un gato, siamés de ollos azuis, atendía por Jorgito, que me aprendeu unha sabia lección. Non había cousa da que máis gorentase que unha toriña de pescada cocida ben esfiañada. Ora ben, daquela (dourada mocidade!) facía eu unha vida máis ben irregular, de xeito que podía pasar tres días sen aparecer pola casa. Persuadido da moita fame que lle supoñía ao micho tras a miña ausencia, cocíalle dúas e ata tres boas toras de pescada. Crerá vostede que pensando que o animal había agradecer a miña homenaxe, o bo do gato non probaba bocado? Había de retirarlle do prato tres cuartos do peixe para que, estimando xusta a cantidade, Jorgito comese.

Non son moralista (madía a levo), pero creo que o exceso no que vivimos instalados é unha insensatez, causante do máis ominoso tedio, freguesía onde asentan moitos males contemporáneos. Temos demasiado de todo: demasiados coches, ordenadores, créditos, móbiles, zapatos, canles de tv, mobles, series de Netflix, chandals, xornais, amigos en FB… e nunca hai abondo. Feiras de ocasión, black fridays, tendas on-line, chinos, outlets, centros comerciais… son aras nas que, de bo grao, nos sacrificamos a un Moloc insaciable chamado consumo. Nas roldas periódicas na que este deus cruel divide as nosas vidas, agora toca unha, especialmente orxiástica, que, convencionalmente, chamamos Nadal e intentamos pateticamente disfrazar de seráficos reencontros e nobres sentimentos. Reconciliados coa hipocrisía de soterrar baixo sete capas o máis mínimo sentido relixioso (tragamos coa idea de que o Nazareno viu a luz un 24 de decembro), o Nadal é a hecatombe anual ofrecida á hiperabundancia.

Pero que falo? Consellos vendo e para min non teño… Non son quen nin sequera de calcular cantos libros teño. Tres, catro mil? Non sucumbimos tamén ao exceso, á luxuria da cultura? Hai anos, en ocasión de instalar novos andeis na casa, o carpinteiro mirou para aquela morea de caixas ateigadas de libros e espetoume con prístina retranca: «E ló, usté leunos todos?». A pregunta lembroume de contado a lección do meu Jorgito.