![Nova Directiva Xeral da Asociación Galega de Editoras.](https://img.lavdg.com/sc/zSwAnu5nciVlYa7g6PtcOJkmLSA=/480x/2024/12/20/00121734712802000137379/Foto/j_20241220_173744000.jpg)
Sustitúe no cargo a Henrique Alvarellos
20 dic 2024 . Actualizado a las 17:41 h.A Asociación Galega de Editoras (AGE) renovou esta semana a súa Xunta Directiva. Tras a celebración dunha asemblea extraordinaria, Miguel Toval, de Edicións Embora, releva no cargo de presidente a Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, e quen estivera á fronte da organización nos últimos catro anos. A lista de Toval era a única presentada, polo que foi elixida por unanimidade. As primeiras liñas de actuación que se marca a nova directiva, segundo informan nun comunicado, son superar o índice de vendas, ter unha estratexia de internacionalización da produción galega e recoñecer este como un sector estratéxico.
Alvarellos, antes de deixar o cargo da presidencia, fixo balance dos seus catro anos á fronte da AGE destacado a «estabilidade económica da AGE, o incremento de editoras asociadas, a posta en marcha de accións formativas profesionais, acolaboración con outros colectivos da cadea do libro e a conmemoración dos cen anos da edición moderna en Galicia e dos 40 da fundación da Asociación». Agora, 47 empresas forman parte desta agrupación, que acada así o seu máximo histórico.
A nova Xunta Directiva, presidida por Toval, complétase con Francisco Alonso, de Xerais, como vicepresidente; Paz Castro, de Kalandraka, como secretaria; Ana Guerra, de Obradoiro, como tesoureira; e como vogais, Edurne Baines, de Belagua; Celia Recarey, de Irmás Cartoné, Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora e Marcos Calveiro, da Editorial Galaxia. Desde a AGE destacan desta a súa variedade na procedencia xeográfica e na representación de editoras, así como as producións, que van do literario e xeneralista ao libro educativo, grandes proxectos e literatura infantil e xuvenil.