Publícase un novo Misal Romano en galego para impulsar o uso da lingua no ámbito relixioso

Carmen Gómez Mariñas
Carmen G. Mariñas REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo arzobispo de Santiago, Francisco Prieto (i) presentan o Misal Eomano en galego en Santiago de Compostela.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo arzobispo de Santiago, Francisco Prieto (i) presentan o Misal Eomano en galego en Santiago de Compostela. Lavandeira jr | EFE

Trátase dunha colaboración entre a Xunta de Galicia e o Arcebispado de Santiago

20 dic 2024 . Actualizado a las 18:08 h.

O Misal Romano xa conta cunha versión actualizada en galego. Este texto, presentado este venres en Santiago de Compostela, traduce a terceira edición do libro como parte do convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Arcebispado de Santiago para impulsar o uso do galego nas cerimonias relixiosas. A editorial da Conferencia Episcopal Española publicará 1.500 exemplares desta edición, que coordina o bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet, e que se distribuirá ás dioceses galegas.

O seu lanzamento coincide co 55 aniversario do uso do galego no ámbito relixioso. En 1963 o Concilio Vaticano II aprobara o uso das linguas vernáculas para o culto relixioso. Pero non sería ata un tempo despois, xa en 1969, cando esta modificación comezou a implantarse. Foi desde entón cando tiveron lugar as primeiras traducións de textos relixiosos á lingua galega, entre os cales se atopan a Biblia ou o Misal Romano, traducido por primeira vez en 1987. Agora, máis de medio século despois, una nova versión do escrito atópase dispoñible en formato físico e dixital, o cal poderase consultar no Portal da Lingua en www.lingua.gal. Nesta mesma páxina están dispoñibles outros textos como a cuarta edición da Biblia en galego, editada por SEPT en xullo do 2022.

Dinamizar o idioma

Á presentación do documento tivo lugar no Museo das Peregrinacións acudiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o arcebispo de Santiago, Francico José Prieto, e o xa mencionado Lemos Montanet, presidente da Comisión de Liturxia da Conferencia Episcopal. O prelado compostelán afirmou que o galego é «unha forma de ser, de vivir e de ser crente e rezar» mentres que o bispo ourensán destacou que este libro, que define como unha obra técnica, está impreso en tintas respectuosas co medio ambiente.

O conselleiro, pola súa parte, recalcou que o obxectivo deste misal é favorecer «a dinamización da lingua no ámbito litúrxico» xa que «a igrexa en Galicia ten unha gran capacidade de chegar á xente». López Campos tamén recordou a reunión celebrada en novembro co arcebispo de Santiago dentro do Pacto pola Lingua, co que buscan «abranguer todos os eidos posibles». Sobre o Plan Xeral de Normalización Lingüística incidiu en que «require unha actualización». Desde a próxima semana convocaranse aos grupos de traballo e aos coordinadores das 11 áreas.